PolíticaÚltima horaVídeos

O BNG presenta o Plan Ourense Vivo para “darlle á volta á discriminación histórica que sofren as comarcas”

Este programa inclúe 25 grandes eixos baseados en 3 grandes liñas de actuación: o equilibrio territorial, o reforzo dos servizos públicos para fixar poboación e combater a crise demográfica, e a reactivación económica e dos sectores produtivos

 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentaba esta mañá na cidade das Burgas o Plan Ourense Vivo, un “ambicioso proxecto” deseñado por esta formación política para revitalizar o conxunto da provincia, nun acto no que estaba acompañada do grupo parlamentario, deputados e deputadas provinciais, alcaldes, alcaldesas e responsables políticos do Bloque de todas as comarcas ourensás.

Pontón detallaba este plan de revitalización que formará parte do programa de goberno do BNG para “aproveitar todo o potencial de Ourense e que será presentado aos axentes económicos, sociais e culturais para enriquecelo coas súas propostas”.

O plan está articulado sobre 25 grandes eixos baseados en tres grandes liñas de actuación: o equilibrio territorial, o reforzo dos servizos públicos para fixar poboación e combater a crise demográfica, e a reactivación económica e dos sectores produtivos.

 

Ana Pontón, durante a presentación do plan./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ademais do despregamento dunha rede pública de servizos de proximidade e a discriminación positiva de servizos públicos no rural, entre as medidas propostas figuran as seguintes: unha Axenda Territorial Galega para corrixir os desequilibrios territoriais con plans territoriais específicos na Limia, A Raia, Valdeorras ou O Ribeiro; a creación dunha liña de traballo específica de Investigación e Desenvolvemento para a Aplicación e Usos das Augas Termais e Mineromedicinais, máis alá do ámbito estritamente turístico; un Centro de Estudo do Cambio Climático conectado co campus; un Plan específico de Incorporación da Mocidade á actividade agraria e unha Mesa pola Industria para as infraestruturas pendentes dos polígonos de San Cibrao-Pereiro, especialmente coa A-52 e o traslado da estación de mercadorías, e a dotación de chan industrial, con polígonos pendentes como o de Tamagos, e reforzo da relación estratéxica con Portugal.

 

 

 

“Para darlle a volta ao guión da discriminación histórica que sofren as comarcas ourensás non valen nin as políticas centralistas de sempre nin localismos estériles, o que se necesita é un proxecto pensado dende o conxunto do País e que teña no equilibrio territorial un elemento central porque non pode haber galegos de primeira e de segunda e o BNG ten ese proxecto”, sinalaba Ana Pontón durante o acto.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button