
A Confraría do Viño de Quiroga participará un ano máis nos actos da Feira do Viño co seu tradicional desfile, que servirá, o domingo 26 de marzo, coincidindo coa reunión anual da confraría, de antesala da XLI Feira do Viño de Quiroga.
Así, ás 13:30 horas, co seu traxe de gala (capa de cor burdeos e sombreiro negro) e acompañados do Grupo de gaitas O Recanto, recorrerán a travesía principal da vila quiroguesa, dende a Casa Consistorial ata o Museo Etnográfico de Quiroga.
Este solemne acto -que preside o Confrade Maior, o alcalde quirogués Julio Álvarez, e o presidente da Confraría, J. Manuel Rodríguez-, forma parte dos prolegómenos da Feira do Viño de Quiroga dende o ano 2012, ano no que se fundou esta congregación, que conta dende entón con 23 membros. Ata o de agora os membros soamente se renovan cando queda algunha vacante, como ocorreu no ano 2019 cando entrou a formar parte desta institución a primeira muller confrade.
Como remate do desfile, xa a porta pechada, os membros do gremio realizarán unha asemblea anual nas instalacións do Museo Etnográfico. Sobre a mesa estará a reforma dos estatutos da confraría e a convocatoria das prazas vacantes.