OurenseÚltima hora

O Día Mundial do Alzhéimer Barbadás dá a coñecer o traballo de 15 entidades que axudan a enfermos de diferentes patoloxías

 

 

Coincidindo co Día Mundial do Alzhéimer, o Paseo da Saúde de Barbadás volveu reivindicar o traballo das asociacións que loitan para axudar a enfermos de diferentes patoloxías e ás súas familias. Nesta terceira edición, a iniciativa consolídase co firme propósito de dar visibilidade ao seu labor cun total de 15 entidades participantes xa qe “foron moitas as persoas que ao longo desta mañá visitaron os seus expositores instalados na avenida de Celanova, ao carón da rotonda da Familia, e puideron coñecer o esforzo que realizan día a día”, explican dende o Concello de Barbadás.

 

 

Co lema “Prevención e saúde”, o Paseo da Saúde de Barbadás reuniu a representantes de Afaor, Alcer, Auria, AECC, Aodemper, Por Eles TEA, Affou, Accu, Querendo, Autismo Ourense, Asociación de Celíacos de Galicia, Renacer, AFEM-Morea, Aseia Galicia e Fundación Neuroburgas. Ao acto de inauguración asistiu o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel; o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o xerente da área sanitaria de Ourense, Félix Rubial, ademais de representantes do goberno local. A concelleira de Saúde, Elisabeth González, destacou a importancia “de dar visibilidade a estas asociacións que de xeito voluntario e altruísta traballan coidando a todas as persoas enfermas dalgunha patoloxía”.

 

 

Dende primeira hora da mañá, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Barbadás acompañou aos nenos e nenas dos colexios que participaron en obradoiros de primeiros auxilios. Coñeceron de preto o seu traballo e puideron presentarlles todas as súas dúbidas. Ademais, instalouse a unidade móbil de doazón de sangue para atender a todas aquelas persoas que quixeron colaborar cun pequeno xesto que pode salvar vidas.

Artigos relacionados

Back to top button