EntrevistasÚltima hora

O director da Banda de Música de Sober, na Orquestra Teatro Regio de Turín

O tuba Miguel Franqueiro interpretará a Verdi na ópera “I Lombardi alla prima crociata” entre o 17 e o 28 de abril

 

O músico Miguel Franqueiro, coa súa tuba./ Foto cedida.

Comezaba os ensaios o día 9 en Turín. Ao longo desta semana primeira semana de abril Miguel Franqueiro, director da Banda de Música de Sober e da de San Cibrao das Viñas, prepararase para tocar a partires do 17 de abril coa Orchestra del Teatro Regio de Torino (Italia). O tuba interpretará a Verdi na ópera “I Lombardi alla prima crociata” nun total de sete funcións, que concluirán o sábado 28 de abril. É o único galego da orquestra.

Franqueiro amósase contento de poder participar neste programa que lle vai permitir “facer ópera no berce da ópera”. O músico está primeiro na lista de contratación da orquestra desde o ano 2017, cando fixo unha audición para cubrir o posto de principal reforzo de tuba.

Dende hai xa doce anos dirixe a Banda de Música, ademais de levar outras agrupacións musicais como a Banda de Música de San Cibrao das Viñas. Ao mesmo tempo, desde 2015 participa na totalidade da programación da Real Filharmonía de Galicia e da Hulencourt Soloists Chamber Orchestra (Bruxelas), ademais de colaborar frecuentemente con outras orquestras, tanto en España como fóra, como acontece neste caso en Italia.

¿É a primeira vez que participa nun proxecto relacionado coa ópera?

Non, xa teño outras experiencias. A máis recente no pasado mes de setembro cunha orquestra belga, na que toquei no festival “Sagunt a Escena”. Tratábase dunha ópera contemporánea, unha produción un pouco máis arriscada, desta volta falabamos dalgo máis clásico. É unha ópera propiamente dita de Verdi.

¿Como xurdiu esta oportunidade?

O pasado ano presenteime a unha proba para esta orquestra e chamáronme para facer outro proxecto en novembro pero non puiden. Agora xurdiu éste e fixen cadrar un pouco as axendas, porque son moitas semanas para faltar aos traballos habituais, e é difícil. Sen embargo, non houbo problema e déronme permisos para poder ausentarme tanto na Banda de Sober como noutras que tamén dirixo como a de San Cibrao das Viñas.

¿Que supón poder tocar en Italia e como está sendo a experiencia?

Para min como músico Italia non é algo novo, estudei en Milán, que está a dúas horas en coche de Turín. Estar aquí é emocionante e culturalmente xa resulta algo incrible. Cando saín hoxe do teatro, por exemplo, vin xente facendo fotos fóra. É como cando ti vas a París e diante da súa Ópera faste fotos. Turín é unha cidade na que tradicionalmente se fai ópera, o teatro leva en pé dende o século XIX, é parte da historia de Italia, entón, claro, estar aquí no medio disto é algo impresionante.

¿Es o único galego da orquestra?

Si. Estas orquestras italianas seguen  a súa tradición e non contan moito con xente de fóra. Eu ao estudar en Italia e facer as cousas como as fan eles pois teño un pouco máis de vantaxe.

¿Como foron os primeiros ensaios?

Estou nun entorno novo e iso sempre fai que teñas un pouquio máis de estrés, pero a toma de contacto é boa, e ao final hai que sentarse na silla e facer música, que é o noso.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button