EconomíaEconomíaÚltima hora

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, clausura os seminarios da Cátedra de Hidroloxía Médica en Lugo

 

A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, financiada por Turismo de Galicia, clausuraba esta fin de semana no balneario Termas Romanas de Lugo os “Seminarios teórico-prácticos de fin de semana nos Balnearios 2026”, que cada ano imparte en diferentes centros termais galegos. Estas xornadas diríxense ao alumnado da facultade de Medicina da Universidade de Santiago, co fin de que coñezanos efectos terapéuticos da balneoterapia.

Nesta xornada de clausura participaba neste sábado o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, quen enxalzou o papel da Cátedra e a súa traxectoria de dezaseis anos formando a futuros facultativos da nosa comunidade na cura termal e difundindo entre a sociedade o valor actual das augas mineromedicinais na prevención e tratamento de certas enfermidades, en particular das crónicas.

No encontro participou tamén o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal; o director do balneario de Lugo, Antonio Garaloces; o coordinador das xornadas, o doutor Antonio Freire; e o xerente de Balnearios de Galicia, Benigno Amor; xunto a varios representantes doutros centros termais galegos. O alumnado tivo a oportunidade de realizar sesións prácticas nas instalacións do balneario, coñecendo as principais técnicas e tratamentos que se aplican a pacientes con doenzas reumatolóxicas.

Durante a súa visita, o director de Turismo de Galicia salientaba a aposta da Xunta pola innovación, pola saúde e pola formación dos profesionais sobre todo no ámbito do termalismo para avanzar na difusión do termalismo nos tratamentos médicos. Neste sentido, valorou a relevancia da oferta termal da comunidade, un “elemento dinamizador clave para o desenvolvemento das zonas fóra dos ámbitos máis visitados”.

 

 

Xosé Merelles puxo en valor o seu “marcado compoñente desestacionalizador e diversificador da oferta turística” e destacou a súa relación coa Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que busca promover a comunidade como destino auténtico e singular. Para isto, estanse a potenciar modalidades de turismo que poñen de relevo elementos identitarios da rexión, como é a súa rica oferta en augas mineromedicinais: Galicia conta con sete dos oito tipos destas augas que existen, e é a 1ª potencia termal de España -co 20% da oferta do país- e o 2º destino europeo con maiores reservas.

Durante o acto tamén se aproveitou para presentar un novo vídeo promocional da oferta turística termal da comunidade, da Asociación de Balnearios de Galicia, financiado por Turismo de Galicia.

Neste sentido, Xosé Merelles lembrou outras iniciativas da Xunta para poñer en valor este recurso, como son o Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028 -cun orzamento de máis de 10M€-, o Plan Territorial de Sostibilidade Turística de Vilas Termais e Cascos Históricos de Galicia -cun investimento de 23,23M€- ou a creación da Área de Turismo Termal e do produto Galicia Spa Pligrimage.

Back to top button