CulturaCulturaÚltima hora

O director valdeorrés Aitor Ramos, seleccionado no festival de “fashion films” de Londres

"Escarnio e Maldicir" estará presente nun dos certames de curtas de moda máis importantes do mundo

A curtametraxe “Escarnio e Maldicir”, dirixida polo valdeorrés Aitor Ramos Soto, vén de ser seleccionada polo festival de fashion films de Londres, un dos certames de curtas de moda máis importantes do mundo, o cal se celebrará os días 12 e 13 de setembro.

 

 

Esta peza audiovisual realizada como traballo de fin de grao en Comunicación Audiovisual para a Universidade de Santiago de Compostela (USC), tamén foi candidata a mellor curta de imaxe real na pasada edición dos premios do audiovisual galego, Mestre Mateo; seleccionada no festival de Curtas Armadiña; e estivo presente no certame audiovisual Xuventude Crea.

“Escarnio e Maldicir” pode optar a ser unha das tres nominadas e gañar na categoría a mellor fashion film feito por un estudante. Esta peza audiovisual “é unha pequena curta de moda que transmite a inspiración e as sensacións da pequena colección cápsula da deseñadora Olaya de los Palos”. A colección foi confeccionada pola deseñadora para unha das materias do Grao de Deseño da Escola Mestre Mateo de Santiago de Compostela e está inspirada principalmente no traxe tradicional galego.

 

O director valdeorrés, Aitor Ramos.

 

“Escarnio e Maldicir” é un tributo á historia da muller galega. Consta de tres episodios emocionais: abandono e soidade; angustia e proceso de superación; e fortaleza e empoderamento feminino. A curtametraxe “conta coa fascinante voz over de Mela Casal acompañada polo son da pandeireta galega. Mela interpreta unha pequena adaptación dun poemario que a propia deseñadora escribiu dende o corazón mentres elaboraba a súa colección”.

Agora mesmo, o director e o equipo atópanse na rodaxe dun novo proxecto relacionado coa temática da curta: un videoclip musical para a artista galega Sheila Patricia. Esta nova obra audiovisual tamén é un tributo ás mulleres, neste caso ás mulleres labregas.

Artigos relacionados

Back to top button