ConcellosMonterreiOímbraÚltima horaVerínViana do Bolo

O Distrito Forestal Verín-Viana contará con novas intalacións que poderán acoller máis de 40 vehículos

Esta nave acollerá uns 95 profesionais, entre axentes, técnicos, emisoristas e bombeiros forestais.

 

A nave que albergará a nova sede do Distrito Forestal XIV, de Verín-Viana, era visitada esta mañá polo conselleiro do Medio Rural, José González, quen estaba acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe. O conselleiro destacou que estas instalacións permitirán “seguir mellorando e optimizando os servizos que prestamos á cidadanía, neste caso relacionados co sector forestal”. Tamén indicaba que se pasa de contar cunhas oficinas nun piso do centro urbano de Verín a dispoñer “dunhas instalacións moito máis acaídas e accesibles”.

Así, José González sinalou que esta nave acollerá uns 95 profesionais, entre axentes, técnicos, emisoristas e bombeiros forestais. É dicir, máis da metade do persoal de todo o distrito, que está integrado por 177 persoas. Ademais, indicou que os vehículos do distrito contarán cun espazo, a cuberto, “moito máis axeitado para protexelos do inverno”. Neste sentido, o conselleiro trasladou que se vai habilitar un lugar para acoller ata 11 motobombas e ata unha trintena de vehículos do distrito forestal.

O conselleiro enmarcou esta iniciativa nas melloras que se están a introducir para intensificar os esforzos na loita contra os incendios e engadiu que o distrito de Verín-Viana “é un dos máis afectados pola actividade incendiaria e por iso estamos a redobrar -nel e en toda a provincia de Ourense- os labores de prevención”.

Así, lembrou, entre as medidas tomadas nese sentido, a posta en marcha do novo centro integral para a loita contra o lume que se situará en Toén, unha iniciativa que suporá un investimento de 15 millóns de euros, xa orzamentados nas contas de 2021, remarcou.

Do mesmo modo, o conselleiro tamén recordou que neste mesmo concello de Verín vaise poñer en marcha tamén unha moderna base de medios aéreos, que suporá un investimento de máis de 9 millóns de euros. Trátase do proxecto transfronteirizo Interlumes, que permitirá dotar a esta zona do sur de Ourense dunhas modernas instalacións “para anticiparnos aos incendios, mellorando tempos de resposta e optimizando os recursos na loita contra o lume”, destacou González.

Artigos relacionados

Back to top button