O Colexio Plurilingüe Divina Pastora MM Franciscanas de Ourense celebrou un emotivo acto de despedida da promoción que termina a súa andaina neste centro educativo. O alumnado de 2º de Bacharelato dixo “un ata logo, desexándolles a maior sorte e éxito posible, e que alá por onde vaian leven con orgullo os valores inculcados e aprendidos en Franciscanas”, aseguran dende o colexio.
Titores, profesores, pais e nais, asistiron a este emotivo acto. “E é que todo pasa e todo queda. Lembrade os bos momentos que pasastes nesta Casa”, din dende a comunidade educativa.
Campaña “Veña e dálle coa ecoloxía”
Pola súa banda, os Ecovixiantes presentan a súa campaña “Veña e dálle coa ecoloxía” para facer unha chamada de atención con motivo do Día da Reciclaxe o 17 de maio.
Este grupo de voluntariado ecolóxico de Franciscanas Ourense traballa os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 onde, parece ser, que os países non alcanzan sequera o 15% da súa consecución, e este voluntarioso grupo cómese o mundo.
“Xornais que traen ao colexio desde as súas casas e cafeterías próximas (produtos quilómetro cero) para o benestar animal a través do Proxecto Gadoupas, que levan á Sociedade Protectora de Animais; hábitos de vida saudable coa segunda semana da froita e do leite, inculcando o benestar físico Mens sanda in corpore san; Taponeo solidario infinito que cada día alcanza proporcións bíblicas e que vai expondo a falta de lugares onde deixalos. E é que se perdemos a solidariedade perdémolo todo. Foron depositados no gran corazón metálico da Valenzá, Barbadás”, explican dende Ecovixiantes.
Tamén lle teñen a guerra declarada tanto ás pilas usadas e a súa extraordinaria capacidade de contaminar a auga como ás cabichas, que afean as rúas. Por último, o plástico, ese gran coñecido; neste caso en forma de garrafa e botella que reutilizan facendo cabichómetros (caza cabichas) e almacenamento de tapóns solidarios.
“Así é o día a día de Ecovixiantes de Franciscanas de Ourense, unha xeración de alumnos/as preocupados/as pola contorna, e con moitas ganas de deixar pegada”, conclúe o profesor Lalo Sánchez.
Fotos cedidas.






