OurenseÚltima hora

O documental sobre a Cidade da Selva de Casaio, en Ourense o 11 de novembro

Fotograma do trailer do documental.

 

O 11 de novembro chegará á cidade de Ourense a historia da “Ciudad de la Selva: fuxidos e guerrilleiros nos montes de Casaio”, un documental realizado en Valdeorras e dirixido por Miguel Riaño e producida por Metropolis.coop. “Foi un camiño moi complicado pero ao mesmo tempo moi emocionante, e por fin podemos mostrar o resultado ao público”, dinos Miguel Riaño.

Este filme, que acaba de gañar o premio a mellor documental no Festival de Cine Independente de València (Valèiff), baseado no traballo da Asociación Sputnik Labrego, recolle a historia da Ciudad de la Selva, o conxunto de campamentos que a guerrilla antifranquista estableceu nos escarpados montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras) e que foron ocupados tras a guerra civil española.

Un xacemento arqueolóxico abandonado que foi escavado en varias campañas desde o ano 2017, cuxos resultados son a base da peza que se presentará no Cineclube Padre Feijoo de Ourense. Un documental que se nutre, ademais, de decenas de entrevistas realizadas aos protagonistas desta intensa historia. “A idea principal do documental é que existen aínda historias traumáticas do pasado recente que deben ser postas en discusión. Unha forma de xustiza histórica e de reparación das vítimas da represión e a violencia”, remata o director do filme.

A presentación do documental realizarase no Cineclube Padre Feijóo (Rúa do Concello 11, Ourense) coa colaboración da Asociación Amigos da República. Tras a proxección, intervirá Miguel Riaño (director do filme). O evento comezará o venres 11 de novembro ás 20:30 horas.

Artigos relacionados

Back to top button