O Dompa O Barco dominou as finais provinciais Xogade de voleibol, celebradas o sábado 10 de maio no Barco de Valdeorras, asegurando o campionato nas categorías Infantil Feminina e Pequevolei.
A Escola Deportiva de Voleibol do Barco organizou o evento que reunía a tres clubs, Club Voleibol Ourense, Club Voleibol Verín e Club Voleibol San Martiño, nunha xornada marcada polo deporte, a convivencia e o entusiasmo.
A competición arrincaba ás 10 da mañá coa categoría Pequevolei, dirixida a idades escolares de Primaria. Un total de 11 equipos participaron nun formato de concentración de 11 roldas, congregando a máis de 60 deportistas e as súas familias no Pavillón Vello do Barco. Un dos equipos do Dompa O Barco alzouse como campión invicto da xornada.

Posteriormente, disputábanse cinco emocionantes partidos na categoría Infantil Feminina. O Dompa O Barco impúxose finalmente ao CV Ourense Morado 2 na final, un equipo que lograra o seu pase tras superar a CV Verín e ao Dompavolei.
RESULTADOS:
● GRUPO A P1: CVO Morado 2 (2-0) Dompavolei (25-23, 25-19)
● GRUPO A P2: CV Verín (0-2) CVO Morado 2 (9-25, 24-26)
● GRUPO B: Dompa O Barco (2-0) CVO Morado 1 (23-25, 25-19)
● GRUPO A P3: Dompavolei (2-0) CV Verín (25-13, 25-19)
● FINAL: Dompa O Barco (1-0) CVO Morado 2 (25-13)

A xornada remataba ás 16 horas coa entrega de medallas da categoría infantil, acollendo a aproximadamente 130 deportistas que abarrotaron o pavillón. O evento demostrou a “vitalidade do voleibol provincial cun gran espectáculo que se viviu ao longo dos 38 partidos disputados”, din dende a organización, asegurando que co éxito desta xornada, xa miran cara ao futuro.
De feito está previsto que se celebren as últimas concentracións para pechar o curso, convidando aos afeccionados e á comunidade deportiva “a estar atentos ás próximas noticias e calendarios para seguir apoiando o crecemento do voleibol na provincia”.

Fotos cedidas.



