EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O efecto da emerxencia sanitaria no sector do viño galego, analizado polos consellos reguladores e Medio Rural

Foto: Carlos G. Hervella.

O presidentes das denominacións de orixe (Ribeiro, Valdeorras, Monterrei, Ribeira Sacra e Rías Baixas) do viño galego e das indicacións xeográficas protexidas (IXP) das augardentes e licores tradicionais de Galicia mantiñan arredor das dez da mañá deste luns 6 de abril unha xuntanza a través de videoconferencia co conselleiro do Medio Rural, José González, co fin de valorar o impacto do estado de emerxencia sanitaria no desenvolvemento das actividades deste sector. Na xuntanza tamén estivo o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez.

Así, o conselleiro escoitou as principais demandas do sector vitivinícola e tomou nota das súas aportacións para facer, deste período excepcional, un lugar seguro de traballo e garantir a seguridade de todos os traballadores implicados.

Ademais José González adiantoulle aos representantes destes selos de calidade que o seu departamento vai habilitar proximamente un apartado na páxina web da Consellería do Medio Rural para que o sector nos traslade as cuestións e preocupacións en materia económica no rural, co fin de poder tamén informalos das medidas económicas ás que se poden acoller en cada un dos sectores produtivos.

Por outra banda, tamén se lle trasladou que se está traballando na flexibilización dos requisitos esixidos para as diferentes subvencións das que se pode beneficiar o sector, buscando evitar incumprimentos ou posibles prexuízos derivados da imposibilidade de executar as accións programadas.

 

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, durante a videoconferencia.

 

Reestruturación e reconversión do viñedo

Por outra banda, José González explicoulles que na convocatoria de 2020 para as axudas de reestruturación e reconversión do viñedo, tal e como recolle o Regulamento de execución do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire aos programas nacionais de apoio ao sector vitivinícola, a Xunta só se lle obriga a realizar a acta de non inicio ao 5% das solicitudes.

Polo tanto, avanzou o conselleiro, aqueles solicitantes que necesiten e demanden a realización da acta de non inicio e non estean nesa porcentaxe, só terán que aportar unha declaración responsable e unha reportaxe fotográfica. Así mesmo, será a Consellería que comprobe a información no Rexistro Vitícola de Galicia e mediante o SIXPAC.

Con respecto á convocatoria de 2019, o titular de Medio Rural explicoulles que todos os expedientes que finalicen o seu prazo de execución o 31 de maio de 2020, poderán solicitar unha modificación da súa resolución para pasar de operación anual a bianual, ou incluso reducir operacións sen penalización algunha. Por último, informou de que na convocatoria de 2018 non existe, de momento, a opción de modificar esas resolucións bianuais a trianuais, pero o conselleiro lembrou que o prazo de execución aínda finaliza o 31 de xullo deste ano 2020.

Artigos relacionados

Back to top button