ConcellosEntroido 2023Última horaVídeos

O Entroido de Manzaneda, nunha mostra fotográfica de Carlos G. Hervella na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada

Inaugurábase esta tarde e poderá visitarse ata o vindeiro 28 de febreiro neste centro educativo berciano

 

A tradición do Entroido de Manzaneda viaxaba na tarde deste 16 de febreiro ata terras bercianas. Na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada inaugurábase a partir das 18h. a exposición “O Fulión do Entroido de Manzaneda”, con fotografías de Carlos G. Hervella, fotógrafo e director do Periódico O SIL e da revista “Entroido en Galicia”. Esta mostra pertence ao Concello de Manzaneda e exponse neste centro berciano á iniciativa do seu Departamento de Galego.

“Despois da pandemia pensamos que era o momento de abrir a escola e tendo en conta a proximidade e a importancia do Entroido en Ourense decidimos traer esta exposición”, comenta Débora Álvarez do Departamento de Galego do centro. “Eu xa coñecía a exposición e parecíame que era unha maneira moi bonita de achegar á xente ao que é o Entroido e a unha zona quizais non coñecida por moita parte do alumnado”.

O acto inaugural contaba coa presenza dunha das Mázcaras do Fulión da Mourela p’acá, Manolo, así como coa do alcalde de Manzaneda, Amable Fernández; a concelleira de Cultura de Ponferrada, Concepción de Vega Corral, e o propio autor das fotografías, Carlos G. Hervella.

 

 

“Estou moi agredecido e encantado de que teñan colaborado con nós nesta exposición”, dicía, engandindo ademais que en “Ponferrada estamos como en casa”, aseguraba o alcalde de Manzaneda. Xunto a el, a edil de Cultura ponferradina comentaba que para era era unha dobre satisfacción asistir a este acto, primeiro “por ser esta a miña casa profesional” e, ademais “por vervos aquí amosando a cultura galega, que é tan interesante”.

 

 

A mostra

O toque cadencioso e ancestral dos bombos, aixadas e cornas do fulión, a danza das Mázcaras, a fuliada, as visitas entre aldeas… O Entroido de Manzaneda, declarado Festa Galega de Interese Turístico, constitúe un rico entramado de rituais animados por un só espírito: a participación colectiva nunha celebración na que as rúas se converten nun escenario no que ninguén é espectador, que estreita as relacións entre os veciños do mesmo pobo e de aldeas veciñas, e abre un tempo novo que anuncia a primavera, as novas colleitas.

 

 

Este espírito ancestral ten sido retratado ao longo de varias décadas polo fotógrafo Carlos G. Hervella, director do Periódico O SIL. Unha escolma dese traballo reuníase anos atrás na mostra “Entroido de Manzaneda”, que se abría ao público por vez primeira no 2009 e pertencente ao Concello de Manzaneda. Agora vén de ser recuperada na exposición “O Fulión do Entroido de Manzaneda”, que poderá verse na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada do 16 ao 28 de febreiro.

 

 

O conxunto da mostra realizada inclúe 32 fotografías a cor e achega algúns dos elementos máis significativos desta festa: dende os permisos e as rondas do fulión, o baile das Mázcaras (así como a singularidade da súa vestimenta e comportamento), as fuliadas, etc.

O acto remataba cunha degustación de produtos típicos do Entroido e bebidas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button