CulturaCulturaÚltima hora

O enxoval fundacional do Monte do Señoriño, “Peza do Mes” do Museo Arqueolóxico P. de Ourense

Pote fundacional exhumado durante a campaña de excavación do ano 2012 no xacemento do Monte do Señoriño (Allariz)./ Foto: Fernando del Río.

 

O “pote fundacional” do xacemento galaico-romano do Monte do Señoriño (Armea, Allariz), descuberto durante a campaña do 2012, é unha ola de cerámica común romana, pero dotada dun gran simbolismo que a pon en relación co mundo das crenzas relixiosas. Esta vasilla vén de ser escollida como a primeira “Peza do Mes” do 2021 por parte do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Aparecía sobre un depósito de terra amarelenta, “na nivelación da estancia, baixo o pavimento da esquina noroeste dun dos espazos do sector A, que xunto co sector F conforman unha única realidade, como se puido comprobar unha vez rematados os traballos. Segundo o arqueólogo director das escavacións, a peza estaría colocada alí intencionadamente como posible contedor dun depósito fundacional. Esta hipótese viuse corroborada pouco tempo despois, ao ser realizada unha minuciosa e coidadosa microescavación do potiño e da terra que contiña por parte da restauradora Marta Lago Cerviño, no laboratorio da Universidade de Vigo”, tal e como recolle Ana María Veiga Romero na publicación adicada ao pote fundacional por parte do museo arqueolóxico ourensán. No desta análise aparecían ademais un arame de ouro e unha boliña depositada sobre a terra.

Para o seu descubridor, este depósito está relacionado cunha ofrenda de fundación do poboado. “A pesar das incertezas nas que nos movemos na análise da práctica ritual descrita, polo menos podemos fixar un punto de partida minimamente sólido para a discusión do seu significado. Con todo, este tipo de ofrenda débese enmarcar dentro dos cultos privados, desenvoltos dentro do ámbito doméstico e en espazos privados, alleos á oficialidade tanto política como relixiosa. Teñen un carácter propio, diferente a outros ritos coñecidos”, apunta Veiga Romero.

Ademais, este tipo de depósitos busca a “protección e a tutela das divindades para a casa onde se vai vivir. E que cando os obxectos que se enterran son arcaicos, cabe pensar que o que se espera e desexa é que a memoria dos devanceiros sirva de protección para o novo fogar”, conclúe Ana María Veiga Romero no estudo feito sobre este enxoval.

Tal e como vén sucedendo nos últimos meses, dende o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense lémbrase que, “seguindo as indicacións das autoridades sanitarias en relación co Covid-19, e aínda que a sala de exposicións Escolma de Escultura está aberta ao público, cancélanse as actividades presenciais, polo que non se fará a presentación da Peza do Mes”.

Artigos relacionados

Back to top button