Rematando o mes de outubro comezaba a tempada de esquí e o xove esquiador valdeorrés Guillermo Terán López abría o calendario de competicións participando e gañando en tres probas indoor de slalom no Snozone de Madrid, unha do club Tecalp e outras dúas organizadas polo seu club, o Maf de León.
Tal como explica o seu pai, Guillermo é un esquiador de descenso que adestra moi duro para competir no calendario de Castela e León, de feito estivo facendo a pretempada ata hai moi pouco. “Marchou en xuño 17 días a un glaciar nos Alpes franceses, na Estación Les 2 Alpes e desde finais de agosto foi todas as fins de semana a Madrid ao Snozone a adestrar co club”, conta o seu pai, explicando que, como seleccionado polo Centro de Tecnificación de Castela e León realiza adestramento online 2 días á semana e tamán algunha fin de semna no Snozone, co cal foi varias fins de semana co seu club e dúas co Centro de Tecnificación.

Aos seus 14 anos, Guillermo comezaba a tempada de competición o sábado 26 de outubro participando nunha carreira do club madrileño Tecalp, proclamándose campión da súa categoría na modalidade de slalom. E unha semana máis tarde, os días 1 e 2 de novembro competía noutras dúas carreiras de descenso en Madrid, nesta ocasión a I Indoor Maf Cup, organizadas polo seu club, e volvía subir ao alto do podio. O venres corría na modalidade slalom quedando campión e o sábado volvía vencer tamén en slalom.

Coa carreira Maf Cup, valedeira para a Copa Cordillera, dábase o pistoletazo de saída a esta competición do Norte de España formada por catro probas: a do Snozone e outras tres que se verán condicionadas pola neve, aínda que seguramente se celebren en San Isidro, Alto Campoo e Pajares ou Covatilla dependendo da meteoroloxía. Co dobre podio en Madrid e a falta da publicación do ránking Guillermo leva xa 100 puntos.

Unha vez aberto o calendario as competicións non paran e na vindeira fin de semana celebrarase o Campionato de España no Snozone (Madrid) para o cal foi seleccionado o esquiador valdeorrés. Tal como avanza o seu pai, irá adestrar o xoves e venres todo o día e o sábado e domingo será a competición, nesta ocasión na categoría mini xigante.
Fotos cedidas.



