CulturaCulturaÚltima hora

O FIC Vía XIV de Verín será do 29 de agosto ao 8 de setembro e apadriñará a o recén creado Festival Entre Curtas de Chaves

Membros da Asociación Cultural Vía XIV, que promove o FIC, mantiveron unha xuntanza con representantes do Teatro Experimental Flaviense para concretar a colaboración e establecer sinerxías entre os dous certames

Carlos Montero, director do FIC, e Alex Nieves, responsable de Produción, manteñen un encontro cos responsables do festival Entre Curtas de Chaves: Pedro Freitas (director) e Alexandra Martins (presidenta do TEF)./ Foto: FIC.

O Festival Internacional de Curtas-FIC Vía XIV de Verín xa ten datas para a celebración da súa IX edición, unha convocatoria que chegará “cargada de novidades que se irán anunciando paseniñamente”, tal e como salienta o seu director, Carlos Montero.

En concreto, o festival vaise desenvolver entre o 29 de agosto e o 8 de setembro coa idea de que a súa programación paralela “abranga dúas fins de semana e impactar así no maior número de persoasposible”, engade Montero.

Como primeiro fito máis representativo da axenda de actividades que os membros da Asociación Cultural Vía XIV, que promove o certame, van desenvolver proximamente destaca a colaboración que se vai manter co recén creado Festival Entre Curtas de Chaves. Un foro que terá lugar no mes de maio da man da entidade Teatro Experimental Flaviense.

Neste sentido, o FIC Vía XIV de Verín vai apadriñar a edición deste novo festival, que comeza a andar na vila lusa, e para iso vanse poñer en marcha iniciativas de colaboración e establecemento de sinerxías entre os dous espazos culturais. Así se acordou nunha xuntanza recente mantida polos integrantes da Asociación Cultural Vía XIVcon membros do Teatro Experimental Flaviense.

Recepción de curtas

A organización do FIC Vía XIV de Verín admite a recepción de curtas a concurso ata o vindeiro 1 de xuño (data límite ampliada para a súa achega a través da plataforma Festhome, á que se pode acceder desde a web do festival). Coma sempre, “agardamos atraer ata o Auditorio da vila os mellores traballos que se teñan desenvolvido recentemente en formato curtametraxe, así como a un bo número de directores”, afirman dende a organización.

As actividades paralelas que se están a planificar van ser “de calado”, engaden, e, por iso, máis ca nunca “animan a toda a poboación de Verín e contorna a estar atentos á comunicación dos diferentes fitos informativos que se irán facendo públicos en relación co certame”.

Artigos relacionados

Back to top button