OurenseÚltima hora

O FITO continúa a programación nas táboas do Auditorio Municipal

Acollerá seis espectáculos en oito días, con compañías como Chévere, Atalaya, Matarile ou Bravo Teatro, que porá o punto final á novena edición con José Sacristán e Javier Godino
Cartel do FITO.
Cartel do FITO.

O Auditorio Municipal convértese nos vindeiros días no seguinte escenario da programación do Festival Internacional de Teatro de Ourense. Acollerá seis obras de teatro en oito días con compañías de renome como as gañadoras do Premio Nacional de Teatro Chévere e Atalaya. Tamén actuará a galega Matarile e a mexicana Lagartijas al sol. O punto final porao Bravo Teatro o día 19, cun espectáculo que contará coa participación de grandes actores como José Sacristán e Javier Godino.

O pano erguerase mañá, mércores 12, coa representación de “As fillas bravas”, da compañía galega Chévere. Será a partires das 20:30 horas. A seguinte cita no Auditorio será o venres 14, tras a obra do xoves 13 no Teatro Principal interpretada por A Panadaría. Nesta ocasión será o grupo Atalaya, procedente de Andalucía, a que traerá as artes escénicas a Ourense coa obra “Así que pasen cinco años”.

O sábado 15 será a quenda da galega Matarile Teatro, co espectáculo “Antes de la metralla”. Será a partires das 20:30 horas. Continúa o teatro de alto nivel o domingo con dobre sesión. Por un lado, o Teatro Principal acolle a obra “Nómadas”, de La Llave Maestra, nunha sesión ás 19 horas. Polo outro, o Auditorio será o escenario da compañía mexicana Lagartijas tiradas al sol, co seu espectáculo “Santiago Amoukalli”.

Tras o parón de descanso do luns, o martes 16 retómase o FITO ás 20:30 horas na antiga capela do campus universitario coa compañía Berberecheira, que está de estrea. Trátase dun grupo promovido pola galega Chévere, que trae a Ourense a obra “Goldi libre!”.

Rematará esta oda ás artes escénicas o mércores 19, pero farao ao grande coa compañía Bravo Teatro. “Muñeca de porcelana” é a representación que trae este grupo procedente do panorama nacional e que traerá a Ourense a actores de gran calado como é José Sacristán, considerado como un dos mellores 25 actores do mundo. Actuará ás 21 horas no Auditorio Municipal.

Artigos relacionados

Back to top button