Cunha segunda posición por equipos para o Fluvial Barco remataba a 2ª Copa España Clásica de Descenso de Augas Bravas que se desenvolvía neste domingo 6 de abril no río Sil ao seu paso por Valdeorras. Así a competición iniciábase no Barco e tiña como meta o campo de fútbol de Arcos (Vilamartín de Valdeorras).
O club valdeorrés sumaba 1.217 puntos, fronte aos 1.304 do Club Piragüismo Quixós de Monforte de Lemos, que se facía co título da cita. En terceira posición quedaba o Sícoris Club de Lleida con 1.190 puntos.
A nivel individual, o Fluvial Barco lograba varios podios: Hugo Rodríguez era segundo en C-1 sénior, Guillermo Fidalgo ganaba en K-1 sénior e Jesús Rodríguez era segundo, e en C-2 sénior ganaban Jesús Rodríguez e Saúl Rodríguez.

No decurso da entrega de premios contábase coa presenza dos representantes de Iberdrola Francisco Silva, delegado Institucional Iberdrola en Galicia, e Miguel Ángel López, director de xeración da conca Sil de Iberdrola; así como da tenente de alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Sherezade Núñez, que recibían un agasallo por parte da organización.

Ademais Núñez tomaba a palabra para a agradecer que se escollera a zona para este tipo de competición e tamén a participación. Despois interviña Francisco Silva, quen destacaba que “estades facendo un fantástico labor polo deporte xuvenil” e que “é bo ver tanto xente moza aquí, remando nunhas augas que xeran enerxía limpa e hidráulica e que axudan a que fagades piragüismo”.
Campionato galego
Esta proba era ademais campionato galego da modalidade e nel vencía, por equipos, o Quixós, mentres que en segunda posición situábase o Fluvial Barco e, na terceira, o Ciudad de Lugo.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.
