En portadaÚltima hora

O Goberno pedirá ao Congreso prorrogar o estado de alarma ata o 9 de maio

Pedro Sánchez anunciábao nunha comparecencia na que tamén adiantaba que a partir do 27 de abril farase máis flexible o confinamento de nenos

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, durante a súa comparecencia desta tarde.

 

“Imos entrar nunha fase de desescalada, de transicion ata unha nova normalidade, entramos nun momento moi complexo, que vai esixir unidade por parte de todos. Contemplamos un horizonte de lenta marcha cara a normalidade”. Así o aseguraba o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, durante a comparecencia pública dende a Moncloa que está tendo lugar esta tarde de 18 de abril. Nela tamén anunciaba que o goberno pedirá ao Congreso dos deputados realizar unha nova ampliación de 15 días do estado de alarma debido ao coronavirus, o que significará prorrogala ata o 9 de maio.

Aínda así, matizaba que se aliviará o confinamento de nenos dende o 27 de abril. “Empezaremos a darlle a posibilidade de saír das súas casas e de desfrutar fóra dun rato ao día”, pero tras consultar ás autoridades e aos expertos, indicaba Pedro Sánchez, “para que nesa volta á normalidade non suframos retrocesos”.

A desescalada poderá ser asimétrica segundo as zonas “en función do impacto da pandemia” e as decisións de desescalada “non serán definitivas, actuaremos baixo a presión dos científicos e expertos que nos digan que cousas podemos ir graduando, pero se vemos que hai retrocesos nalgún territorio, revisaremos esas decisións e rectificaremos, pero non só en termos negativos, senón tamén en termos positivos”, incidía Sánchez.

Apuntaba ademais o presidente español que “os municipios serán unha peza clave nesa desescalada” e que se manterá unha xuntanza coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Nesta fase de desescalada será ademais clave “fortalecer o noso sistema de saúde”.

“Ímonos recuperar, todos estamos aquí para axudar a recuperar a este país a recuperarse e avanzar. Unidos sairemos adiante”, concluía Pedro Sánchez a súa intervención, despois comezaba a atender as preguntas dos medios de comunicación.

 

Artigos relacionados

Back to top button