
Na mañá deste luns 7 de abril, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, facía unha valoración dos feitos acontecidos nas Ermidas (O Bolo), na tarde do domingo 6 de abril. En torno ás 18:30 horas os servizos de emerxencia sanitarias recibían a chamanda por parte do implicado e “presunto autor” dos feitos sendo requerida tamén a presenza da Garda Civil. “Atopaban alí a unha muller que estaba grave, tras ser ferida por unha arma branca (un coitelo). Intentaron reanimala durante 15-20 mintutos pero non foi posible e ao final faleceu”, di Santos, engadindo que ante as evidencias, a Garda Civil presente no lugar dos feitos procedía á detención do marido da falecida que era levado ao Cuartel da Garda Civil da Rúa onde permanece.
Durante a noite desprazábanse ata o cuartel os servizos da Policia Xudicial e da Garda Civil que están a realizar o seu traballo de investigación e preparando informes para previsiblemente presentalo mañá ante a Xuíza, na Pobra de Trives.
“Hai que esperar á confirmación definitiva pero todo apunta a un caso de violencia de xénero”, di o subdelegado destacando que, en todo caso, “se se confirma sería a primeira muller morta en Galicia no 2025”. De aí que amose a súa “contundencia na condea, na visibilización, nas concentracións que haberán hoxe nalgúns puntos de Galicia, empatía coas vítimas, coas mulleres que diariamente están sufrindo a violencia de xénero, con agresións tanto física como psicolóxica, porque ademais destes casos tráxicos hai feitos diarios de denuncias; e por suposto continuar con investimento e contundencia nos procesos de formación, educación e control”.
Eladio Santos onfirma que “non había inscrición previa no programa VIOXEN nin denuncia previa por violencia machista co cal trátase dun caso no que era imposible tomar medidas previas”.