PolíticaÚltima hora

O Goberno recoñece a CCOO que o recorte do 70% cuestiona a viabilidade de Correos

Comisións Obreiras e o resto de agrupacións sindicais da empresa postal pública reuníronse coa subsecretaria de Fomento e esta garantíulles a continuidade do Servizo Postal Universal
Os sindicatos fixaron unha xuntanza co ministro de Fomento para dar visibilidade ao correo público.

O sindicato Comisións Obreiras (CCOO) mantivo unha xuntanza co Ministerio de Fomento hoxe, 9 de xuño, para falar do “recorte do 70% para a prestación de Servizo Postal Universal (SPU)”. Tamén estiveron representadas o resto de agrupacións sindicais representadas en Correos. Dende CCOO apuntan que “Fomento expresou a súa vontade política de asegurar o financiamento de Correos”.

O sindicato cualificou a xuntanza coa subsecretaria de Fomento, Rosana Navarro, de “satisfactoria” ao recoñecer esta que o recorte podería “pór en cuestión a viabilidade da empresa e garantir o financiamento para o Servizo Postal Universal” que presta Correos a través dun fondo de continxencia do ámbito orzamentario que ten o Goberno para canalizar os orzamentos.

Asemade, a Subsecretaria, sinalan dende CCO, comprometeuse a definir o Plan de Prestación do SPU “no prazo dun ano”, comezando coa creación dun grupo de traballo para abordalo, cuxa primeira xuntanza terá lugar nun máximo de dúas semanas e na que estarán presentes Facenda, Fomento, Correos e a Comisión Nacional de Mercado e Competencia (CNMC). Este plan de traballo, informan, concluirá nun período de sete meses, para a súa posterior remisión a Bruxelas, onde se procederá á súa revisión. Deste mesmo modo, Navarro comprometeuse a informar puntualmente ás organizacións sindicais dos avances.

Dende Comisións Obreiras esixiron que estes compromisos “sexan firmes e se reflictan por escrito” e valoraron positivamente “a vontade política do Goberno e a súa implicación no futuro de Correos”. Asemade, fixaron unha xuntanza co ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, xunto co resto de organizacións sindicais, para “darlle visibilidade e importancia ao correo público neste país”, aseguraron.

Artigos relacionados

Back to top button