DeportesÚltima hora

O Gran Fondo Trevinca 2022 aprázase para o 11 de xuño do vindeiro ano

O motivo é a "situación excepcional que vive a comarca de Valdeorras debido ao impacto do peor incendio que se lembra na zona"

Saída da anterior edición do Gran Fondo Trevinca./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O Gran Fondo Trevinca 2022, a proba ciclista prevista inicialmente para o vindeiro 17 de setembro, aprázase para o vindeiro ano e finalmente celebrarase o 11 de xuño de 2023.

Así o veñen de anunciar dende a organización, explicando que o motivo é situación excepcional que vive a comarca de Valdeorras debido ao impacto do peor incendio que se lembra na zona, declarada recentemente como zona catastrófica. “Limitaron moito a nosa marxe de manobra para garantir nestes momentos un evento de calidade en canto a percorrido e vistosidade se refire. Tratamos ata o último momento de variar o percorrido pero os trámites legais oportunos e as limitacións obvias de tempo coas que nos atopamos, fíxoo literalmente imposible. Institucións e diferentes entidades locais enfocan, neste momento, todos os seus esforzos na recuperación da comarca. Algo que entendemos, respectamos e apoiamos”, aseguran.

Co cambio de data chegará tamén a gran novidade do evento: Fonte da Cova, será saída e final de proba, algo que engadirá un punto de épica e espectacularidade no evento, para facelo aínda máis único se cabe. “Como xesto de gratitude e agradecemento pola confianza dos participantes (contabamos xa con máis de 200 rexistrados) a todos os que manteñan as inscricións para a nova data, regalaráselle xunto co resto de obsequios da bolsa do corredor, a camisola oficial da proba que estará valorada en 65 euros, ademais de dúas invitacións previas para rodar en grupeta sobre o trazado con sorteos, asistencia técnica e avituallamentos incluídos”, adiantan dende a organización, engadindo que tamén darán a opción de devolución do importe total.

Desde a organización da proba aseguran que seguen traballando “con infinita paixón para dar nesta nova data un evento digno de recordo, que servirá ademais para mostrar ao mundo a recuperación desta comarca duramente golpeada, pero xamais vencida. Xuntos volveremos brillar. Xuntos coroaremos a cima máis alta de Galicia co Hotel Pena Trevinca como anfitrión de luxo. Xuntos volveremos poñer a Valdeorras no mapa, neste caso por unha boa causa”, conclúen.

 

Algúns dos ciclistas que completaron o Gran Fondo Trevinca 2021./ Foto cedida.

Artigos relacionados

Back to top button