EconomíaEconomíaÚltima hora

O Grupo Cuevas inaugura a súa nova sede no Polígono de San Cibrao das Viñas

O director xeral deste grupo, Artur Yuste, reivindicaba neste acto o valor do sector agroalimentario e pediu que se lle conceda un status superior nas expectativas europeas, "pola súa capacidade de xerar emprego, apoiar ao sector primario"

 

Esta mañá tiña lugar o acto de inauguración da nova sede do Grupo Cuevas, na Cidade do Transporte do Polígono de San Cibrao das Viñas. Un acto que contaba coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; do delegado da Xunta na provincia, Gabriel Alén; do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e do alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández; e o director xeral do Grupo Cuevas, Artur Yuste, así como directivos e traballadores da compañía e representantes institucionais e empresariais.

O director xeral de Grupo Cuevas agradecía nesta inauguración “a quen nos precedeu” e ao actual equipo, do que sente “orgulloso”, a súa contribución a que a compañía poida cumprir 154 anos e alcance resultados que están por encima do dobre dos que rexistrou en 2008. Durante a súa intervención avanzou as estimacións dos principais indicadores económicos do grupo en 2020, e destacou a importancia do sector agroalimentario para o futuro de Ourense e Galicia.

Ademais Yuste reivindicou o valor do sector agroalimentario e pediu que se lle conceda un status superior nas expectativas europeas, “pola súa capacidade de xerar emprego, apoiar ao sector primario, ser un baluarte na pandemia, visibilizar e proxectar produtos coa marca Galicia e fomentar o consumo de proximidade”. Afondou na fortaleza do sector na provincia, con datos extraídos do Observatorio Wconómico da Deputación, como que o número de ocupados nas industrias ourensás do sector da alimentación creceu un 64,7% no último quinquenio, case 10 veces máis que o crecemento do total de ocupados na provincia nese período (6,8%). Tamén sinalou que ao final do ano 2020 o sector contabilizaba o 14,5% dos ocupados totais na provincia, cando tan só un ano antes eran apenas o 9%.

 

 

E terminou a súa intervención explicando que as novas instalacións son o resultado dun esforzo que “afrontamos sós, cos nosos medios e os nosos recursos, pero que sería inviable sen as certezas, as garantías e os estímulos que ofrece o lugar en que vivimos, que nos proporcionan escenarios de convivencia serenos, predicibles e sólidos, nos que investir e desenvolverse non é un risco máis aló do estritamente necesario”.

O presidente da Xunta tamén se refería á historia de Cuevas, indicando que é “unha historia de logros e fitos”, referíndose, a modo de exemplo, á venda de castaña conxelada a Asia ou á comercialización pioneira en España do marrón glacé, nos anos 70. En relación a este produto, Feijóo aseverou que a Administración galega seguirá impulsando esta especie con actuacións, a través do novo Plan forestal, como: a recuperación de soutos tradicionais en produción; e a creación de novas superficies de soutos para producir castaña e madeira, co obxectivo de xerar 16.000 novas hectáreas en 20 anos. Todo isto baixo a previsión de elaborar en 2025 o Plan estratéxico do castiñeiro de Galicia.

O presidente da Xunta tamén destacou que as novas instalacións de Cuevas están situadas no Polígono de San Cibrao da Viñas, o gran pulmón industrial da provincia, no que están asentadas máis de 450 empresas e máis de 8.500 empregados.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacaba “a gran capacidade empresarial do Grupo Cuevas, exemplo –dixo- do seu compromiso de progreso, competitividade e futuro coa provincia de Ourense, sendo ao longo de máis de século e medio de existencia “unha base fundamental da economía de Ourense e de Galicia, e tendo como cerne o concepto de empresa familiar”.

Baltar salientou que os logros do Grupo Cuevas “son un modelo de xestión, cooperación e innovación, demostrado durante tantos anos, e que está en constante evolución”, remarcando “o labor que neste sentido desenvolve Artur Yuste ao fronte dun excelente equipo humano que fai posible esta exitosa realidade empresarial e de emprendemento na nosa provincia”.

Artigos relacionados

Back to top button