CulturaCulturaÚltima hora

O grupo de teatro do IES Martaguisela estreará obra o 28 de xuño no Barco

A representación de “Proles e contras” será no Teatro Lauro Olmo ás 20:30h.
Cartel da obra de teatro “Proles e contras”.

Un ano máis, o grupo de teatro do IES Martaguisela dirixido pola profesora Marta Cortés, despide o curso coa estrea dunha obra de teatro. Desta volta, será o mércores 28 de xuño cando os rapaces que forman parte do elenco presenten para toda a cidadanía barquense a obra “Proles e contras”, unha versión en galego da obra homónima de Tahiche Rodríguez, que trae a escena a traxedia dun home que perde o seu traballo. Abandonado pola sociedade e invisible para os seus semellantes dirímese entre rematar coa súa penosa existencia ou resistir a unha vida sen dignidade e sen esperar axuda de ninguén.

O instituto barquense pode presumir do seu carácter solidario, e se o ano pasado adicaban o recadado coas entradas aos refuxiados, nesta ocasión miran cara as vítimas da crise, en especial os inxustos desaloxos que non poden deixar indiferente a ninguén e “¿quen mellor que o teatro para denunciar?”, di Marta Cortés, asegurando que esta é outra reflexión que propón a obra: “o teatro como elemento válido de crítica e postura ante determinadas inxustizas, porque, como di un personaxe da obra, cando os políticos fan teatro o teatro ten que facer política”.

A representación terá lugar no Teatro Lauro Olmo ás 20:30h.

Artigos relacionados

Back to top button