
O grupo ourensán Coanhadeira é un dos finalistas da XII edición dos Premios Martín Códax na categoría de música folk.
Esta banda, creada no ano 2006, aposta por “recuperar e reinterpretar temas tradicionais galegos, engadíndolles os seus propios arranxos, pero mantendo sempre viva a súa esencia e raíz”; e faino coa fusión de instrumentos como a zanfona e a pandeireta co baixo e o saxo. Un encontro entre tradición e modernidade, sen medo a innovar, que lles permitiu acadar un estilo propio que xa os levou polos escenarios do Festival da Carballeira de Zas, Festival de Pardiñas, no Festival As Nosas Músicas de Couso, no Runas do Festival Intercéltico de Ortigueira, o Sauga Folk en Cantabria, a Trobada de Buners en Andorra ou o Festival Interceltique de Lorient (Francia).

A candidatura de Coanhadeira aos Martín Códax coincide coa promoción do seu cuarto traballo ‘7273’, a súa particular homenaxe á provincia de Ourense. “7273 son os quilómetros cadrados de Ourense, unha cifra que representa moito máis que un número; é unha declaración de amor pola provincia, pola súa maneira de ser e sentir, polas súas chairas e montañas e, sobre todo, á súa xente”, aseguran dende Coanhadeira que convida a unha singular viaxe pola xeografía ourensá a ritmo de mazurcas, pasodobres, xotas e muiñeiras.
“Estar entre os finalistas dos Martín Códax é para nós motivo de orgullo e ledicia, sobre todo nun momento no que estamos presentando un traballo tan especial como 7273. Este disco nace do noso amor por Ourense, a súa xente e as súas músicas. Dános azos para seguir enriba dos escenarios”, asegura Patricia López, integrante do grupo.

A gala dos Premios Martín Códax, promovidos pola Asociación Músicas ao Vivo co obxectivo de dar visibilidade e recoñecer a diversidade e a calidade artística do sector musical galego, será o próximo 28 de maio.



