PolíticaÚltima hora

O grupo provincial do PP presentará 10 propostas ao debate sobre o estado da provincia

Cedida.

 

O grupo do PP na Deputación de Ourense proporá dez iniciativas de impulso á cooperación, emprego, fondos europeos desenvolvemento rural, reto demográfico, turismo ou cultura no debate sobre o estado da provincia, que se celebará o martes 16 de novembro. Rexístrabaas esta mañá. “As iniciativas foron consensuadas co portavoz do grupo Democracia Ourensana, Armando Ojea, e a deputada non adscrita Monserrat Lama, nun acordo que”, segundo o portavoz popular Plácido Álvarez, “demostra a inequívoca vontade do grupo de goberno por contar co máximo apoio á hora de formular unha serie de propostas, coas que responder a algúns dos retos aos que desde diversos ámbitos se enfronta a provincia de Ourense”.

No decálogo de iniciativas, destacou Álvarez, “se reflicte o impulso que o goberno provincial quere dar á colaboración propoñendo a participación da Deputación nos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), traballar xunto cos axentes económicos, nomeadamente a CEO, para crear a marca Ourense coa que promocionar os produtos e servizos con selo ourensán, ou cooperar coa Denominación de Orixe do Ribeiro para mobilizar terras de cultivo da vide”.

O emprendemento e o emprego tamén forman parte do documento que se presentará ao pleno, adiantou o portavoz popular, “para o que proporemos unha fiestra única para iniciativas empresariais no rural e unha plataforma dixital para poñer en contacto a persoas que estean á procura de emprego con empresas que precisen de traballadores”, engadía o voceiro popular.

“Pero tamén hai espazo”, proseguía, “para as reivindicacións diante do Goberno central, reclamando un trato xusto coas entidades locais cos fondos europeos e pedindo que tamén Ourense participe dos plans de descentralización administrativa”, engadiu Álvarez.

O decálogo de propostas complétase coa ordenación do turismo de autocaravanas, a creación das medallas Blanco Amor e unha revisión do modelo do servizo de Vías e Obras da Deputación.

 

Artigos relacionados

Back to top button