Tras meses de traballo e ilusión, Tentempié comeza a súa xira de presentación da mellor forma posible “xogando en casa, rodeados de familia e amigos”.
Este sábado 3 de maio, a partir das 23 horas, o grupo valdeorrés que presentaba en xaneiro o seu proxecto actuará en directo no bar Skándalo do Barco para “vivir unha noite moi especial chea de música”, aseguran.

Tentempié está formado por José Antonio “Cana” (voz); Emma (voz); David Trincado (guitarra); Javi (piano, guitarra e apoio en voz); Óscar Pérez (baixo); e José Francisco “Paquito” (ritmo e batería). Xuntos prepararon un directo que, tal como eles mesmos adiantan, “rondará en torno ás dúas horas nas que faremos un percorrido polas mellores cancións e versións de hoxe e de sempre, cun toque rock que é o que nos caracteriza”.



