OurenseÚltima hora

O helicóptero medicalizado con base en Barbadás mobilizouse en 522 ocasións no ano 2021

 

Na xornada do venres 25 de marzo, o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias, acompañado da directora da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira Pan, visitaba as instalacións da base medicalizada aérea de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 en Barbadás para coñecer o hangar do helicóptero medicalizado. Ao acto tamén asistiron a xefa territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, Laura López del Castillo, a directora asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Mar Vázquez Salvado, a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Sanidade e Participación Veciñal do concello de Barbadás, Elisabet González Nistal, e o director de Infraestructuras e Compras de Eliance Helicopter Global Services, S.L, Antonio Cano López de Ullibarri.

O uso do hangar do helicóptero medicalizado con base en Barbadás permite optimizar a operatividade desta aeronave, posto que resgarda o helicóptero das inclemencias meteorolóxicas, é dicir, das xeadas no inverno, que impedían a mobilidade do helicóptero, e da calor nos meses estivais que incrementaba a temperatura no interior.

Así mesmo, o resgardo do helicóptero medicalizado no hangar facilita todos os labores de mantemento necesarios para garantir a operatividade e a seguridade da aeronave. Tamén repercute na mellora da calidade asistencial na atención ás urxencias e ás emerxencias coa prestación dunha atención máis segura e confortable non só para os pacientes, senón tamén para o persoal sanitario.

 

 

1.058 mobilizacións en 2021

Durante o pasado ano 2021, o helicóptero medicalizado con base en Barbadás mobilizouse en 522 ocasións. Destas 522 mobilizacións, 56 foron servizos secundarios. Trátase de servizos nos que resulta necesario o traslado do paciente desde un centro hospitalario ata outro hospital para asegurar a atención axeitada segundo as patoloxías sofridas.

Respecto á resolución das emerxencias atendidas durante o ano 2021, no 57% das mobilizacións foi necesario o traslado de pacientes ao centro hospitalario de referencia; mentres que en preto do 16% das mobilizacións a prestación da asistencia sanitaria no punto non fixo necesario o traslado dos pacientes en helicóptero medicalizado; e no 26% das mobilizacións, os pacientes foron trasladados noutros recursos sanitarios, principalmente en ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado.

En relación coa tipoloxía das emerxencias atendidas pola aeronave sanitaria do 061 de Galicia en Barbadás, o 27% correspondeu a pacientes que sufriron alteración da conciencia, o 16% das asistencias foron por dor torácica, o 14% foron asistencias por accidentes de tráfico, o 8% foron pacientes con problemas respiratorios e o 3% tratouse de persoas con convulsións.

Por último, lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é o servizo de referencia para a atención ás urxencias e ás emerxencias fóra do ámbito hospitalario, recoñecido como o servizo sanitario cos maiores índices de satisfacción entre os seus usuarios no conxunto do sistema público galego de saúde, que garante a resposta precisa ás necesidades de consulta e á asistencia sanitaria urxente en calquera punto de Galicia as 24 horas os 365 días do ano.

Artigos relacionados

Back to top button