SanidadeÚltima hora

O Hospital de Ourense contará co primeiro Living Lab de Galicia

As instalacións do CHUO emprazarán o ensaio de solucións innovadoras para a atención de pacientes maiores, crónicos ou pluripatolóxicos

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinou esta mañá senllos convenios de colaboración con seis entidades galegas empresariais e de investigación que dotarán ao Hospital Universitario de Ourense do primeiro Living Lab da nosa comunidade, no que se desenvolverán proxectos innovadores dentro do ámbito sanitario.

Na compaña do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Félix Rubial; o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa; e a xefa territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, Laura López del Castillo; o titular de Sanidade destacou a aposta do Executivo galego “por converter a Ourense nun referente da innovación sanitaria”.

A sinatura dos convenios posibilitará que os equipos profesionais de seis entidades galegas comecen a desenvolver cadanseu proxecto vencellado ao ámbito da innovación. “Así, as instalacións do hospital ourensá emprazarán o ensaio de solucións innovadoras, destinadas á atención de pacientes maiores, crónicos ou pluripatolóxicos. O CHUO contará desde agora cunha contorna para a creación de solucións innovadoras dentro do propio hospital, e coa que se achegará a innovación sanitaria ás demandas dos usuarios”, aseguran dende Sanidade.

O conselleiro de Sanidade, apuntou que “os proxectos destas empresas van permitir maximizar os beneficios clínicos para os pacientes”. Así, puxo e valor que “todas elas van ter unha oportunidade é, ao mesmo tempo, unha responsabilidade: poder desenvolver as súas solucións innovadoras en contacto directo co persoal clínico, cos pacientes e coas súas familias, ao participar dun xeito activo no ensaio destas fórmulas”.

 

 

Nomeadamente, a sociedade Custom Implants traballará no proxecto CI3D de fabricación de implantes a medida en casos de politraumatismo, mediante o uso da impresión 3D. A sociedade Psicología Virtual, desenvolverá o proxecto HomeworksRehab, no que se empregará a realidade virtual para a rehabilitación de pacientes con dano cerebral.

Pola súa banda, o equipo de rehabilitación Axón, utilizará a sala de estimulación multisensorial do CHUO para probar o seu proxecto SEMDA de terapia en pacientes maiores.

A spin-off Lincbiotech, que se achega desde o veciño Parque Tecnolóxico de Galicia, implemetará a iniciativa Minerva de procesado de imaxe neurolóxica para axudar aos diagnósticos de ictus e alzheimer.

Ademais, a spin-off Qubiotech, porá en marcha o proxecto Neuroquant, co obxecto de identificar biomarcadores na imaxe diagnóstica que permitan detectar de xeito precoz enfermidades neurodexenerativas.

Por último, a compañía Plexus vai deseñar, con pacientes e profesionais, un asistente virtual que facilite unha maior independencia e un envellecemento máis activo de pacientes con enfermidades neurodexenerativas, ao facer seguimento e control das súas rutinas.

 

Artigos relacionados

Back to top button