
O xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Santiago Camba Bouzas, presentaba neste 12 de marzo o balance anual de 2025, que consolida a mellora da accesibilidade asistencial, tanto en intervencións programadas como nas consultas, ao tempo que se incrementa globalmente a actividade sanitaria nos tres hospitais públicos da provincia.
Así, segundo os datos correspondentes ao 31 de decembro de 2025, que estarán accesibles hoxe mesmo na web do Servizo Galego de Saúde, a espera media para unha intervención cirúrxica situouse en 61,1 días, fronte aos 69,5 días rexistrados ao peche de 2024, o que supón unha redución de 8,4 días (-12,1 %).
Esta mellora prodúcese nun contexto de incremento da actividade cirúrxica, xa que ao longo de 2025 realizáronse 24.171 intervencións cirúrxicas na área sanitaria, 2.290 máis que no ano anterior, rexistrándose ademais un aumento da actividade nos tres hospitais da área sanitaria.
Menos de 10 días nas intervencións Prioridade 1
A atención ás intervencións de prioridade 1, aquelas que requiren unha resolución máis rápida por razóns clínicas, mantense cun acceso especialmente áxil. Ao peche de 2025 o tempo medio de espera da Área de Ourense foi de 9,8 días, mantendo así o acceso á cirurxía de máxima prioridade –non urxente- por debaixo dos dez días de media, moi por debaixo dos 30 días que marca a normativa autonómica.
A evolución por especialidades mostra descensos significativos nos tempos de acceso en varios servizos respecto ao ano anterior. Destaca especialmente Neurocirurxía, cunha redución do 64%, pasando de 154,4 días a 55,5 días; Uroloxía cun descenso do 36 %, de 96,3 a 61,2 días; Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, que pasa de 85,5 a 59,5 días, cunha redución do 30 %; e Traumatoloxía, que mellora en máis de 31 días con respecto a 2024, un descenso do 34 %, de pasando de 92,2 a 60,9 días.
Tamén presentan tempos medios especialmente contidos, por debaixo da media da área, Anxioloxía e Cirurxía Vascular, 19,6 días; Dermatoloxía: 32,7 días; Cirurxía pediátrica, con 35,6 días e Xinecoloxía, 36,1 días.
Ao final de 2025 a área sanitaria contaba con 5.434 pacientes en lista de espera cirúrxica. A maioría, o 79 % agardan menos de tres meses, e tan só un 1,4% agardan entre 6 e 12 meses. Esto supón que case oito de cada dez pacientes da lista cirúrxica están dentro do primeiro trimestre de espera, o que indica unha boa capacidade de resolución da actividade programada.

Consultas externas: máis actividade e mellor accesibilidade
Durante o ano 2025 realizáronse na área sanitaria 552.365 primeiras consultas, o que supón 1.261 máis que no ano anterior. O que permitíu reducir o tempo medio de acceso a unha primeira consulta ata os 62,3 días fronte aos 86,5 de 2024, o que supón 23,9 días menos de espera, un descenso do 27,7 %, consolidando a liña de reducción de tempos do primeiro semestre de 2025.
A mellora na reducción de tempos céntrase nos hospitais de Ourense e de Valdeorras. En concreto, Ourense cunha redución de 24,1 días (o -27,6 %), pasando de 87,3 días a 63,2 en 2025. O descenso dos tempos de acceso a consultas en Valdeorras é especialmente significativo ao peche de 2025, cunha reducción de 57, 9 días (do 51,3 %) pasando de 112,9 días a 55.
Na análise por especialidades, consolídase o descenso de tempos medios nalgúns servizos que se viron afectados por unha falta puntual de persoal como oftalmoloxía, que tras o esforzo realizado na área cirúrxica, reduce tamén o acceso a primeiras consultas, pasando de 133,5 días, en 2024, a 70,9 días. Unha mellora de 62,6 días (un 46,9 % menos)
Ademais melloran especialmente os tempos de acceso as consultas de alergoloxía, con 3,5 días fronte 27,8 en 2024; Neurocirurxía, que pasa de 26,2 días a 10,8 días; Pediatría, cunha redución de 15,2 días (-33,7 %) pasando de 45,1 a 29,9 días; Reumatoloxía de 20,1 a 12 días; ou Anxioloxía e Cirurxía Vascular de 22,4 días a 14,5 días e unha redución: 7,9 días (-35,3 %)
Por suposto, os datos recollidos nas estatísticas oficiais de listas de espera refírense, de acordo coa normativa autonómica e estatal vixente, ás primeiras consultas. As consultas sucesivas, ou revisións, non se inclúen nestas estatísticas debido á alta variabilidade dos intervalos de revisión indicados polos facultativos, que dependen das características clínicas de cada paciente, do mesmo xeito que non se contabilizan as actuacións urxentes —xa sexan intervencións cirúrxicas, probas diagnósticas ou interconsultas— que se realizan de maneira inmediata segundo a prioridade clínica e non presentan demora asistencial.
Probas diagnósticas
No ámbito das probas diagnósticas, ao peche de 2025 a área sanitaria contaba cun tempo medio de 68,5 días. Entre as probas máis demandadas destacan tempos de acceso relativamente curtos en radioloxía convencional, na que se realizaron 231.059 estudos cun tempo medio de espera de 14,4 días; Resonancia magnética (15.492 realizadas) 24,1 días; TAC (38.014) cunha media 37,2 días. Ademais en radioloxía rebaixáronse notablemente os tempos medios de acceso, con respecto a 2024, tamén en ecografía abdominal tiroidea, vascular, e xenitourinaria.
Pola súa parte Medicina Nuclear conta cun tempo medio de acceso de 31 días, con 15 días de media para a realización dun PET, 28 para un spect e 55 para unha gammagrafía. Os estudos dos diferentes servizos tamén diminuiron notablemente os tempos medios. Especialmente nos urolóxicos (de 137 a 33,5), os oftalmolóxicos (de 55 a 33), e especialmente os de alerxia (de 121 días a 16,9)
Estas cifras reflicten a elevada actividade diagnóstica da área sanitaria, especialmente no Hospital Universitario de Ourense, que concentra boa parte das exploracións de maior complexidade.
Vías rápidas para o diagnóstico de patoloxías graves
Os pacientes da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras dispoñen tamén dos circuítos asistenciais preferentes, denominados vías rápidas, implantados polo Servizo Galego de Saúde para axilizar o diagnóstico e tratamento de patoloxías graves, principalmente oncolóxicas,como cancro de mama, colon, pulmón ou próstata, entre outras.
Estas vías permiten que, tras a súa activación polo médico de familia ou por outro especialista, o paciente sexa atendido nunha consulta hospitalaria especializada nun prazo inferior aos 15 días, facilitando un diagnóstico precoz e o inicio rápido do tratamento cando é necesario, co obxectivo de reducir ao máximo os tempos de resposta ante sospeitas clínicas graves.
Durante 2025, a Área Sanitaria de Ourense cumpriu amplamente este estándar. Así, foron atendidos por esta vía 760 pacientes con sospeita de cancro de mama, cun tempo medio de 3,8 días; 299 pacientes por sospeita de cancro de pulmón, cun tempo medio de 2,3 días; 181 por colon, con 3,13 días; 189 por vexiga, con 3,5 días; 435 por próstata, con 3,6 días; 170 por melanoma, con 1,16 días; 255 por patoloxías de cabeza e pescozo, con 3,4 días; e 458 por endometrio e cérvix uterino, cun tempo medio de 5,9 días.
Compromiso cos profesionais e coa cidadanía
O xerente da área sanitaria, Santiago Camba Bouzas, quixo agradecer estes resultados “ao esforzo e compromiso de todo o persoal sanitario e non sanitario dos tres hospitais públicos da área, que cada día traballan para mellorar os tempos de accesibilidade e ofrecer unha atención de calidade á cidadanía”.
Camba destacou especialmente o traballo desenvolvido en servizos con altísima demanda asistencial, nos que a falta puntual de facultativos —motivada por xubilacións, traslados ou baixas— pode ter un impacto especialmente sensible derivado da gran actividade asistencial.
Neste sentido, subliñou que desde a xerencia mantén o seu compromiso firme para manter os cadros de persoal a súa máximo cobertura, así como para seguir xerando as condicións necesarias que permitan consolidar a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras como un destino atractivo para os profesionais da sanidade pública.
“O noso obxectivo é ofrecer unha contorna laboral na que os profesionais poidan desenvolver ao máximo as súas capacidades clínicas e investigadoras, compatibilizándoas tamén cos seus intereses persoais, nun marco de estabilidade profesional e coas máximas garantías para o exercicio da actividade asistencial”, sinalou.