SanidadeÚltima hora

O Hospital Universitario de Ourense súmase á celebración do Día do Libro

Unha mesa da feira do libro instalarase este domingo no hospital e ás súas vendas serán doadas pola Agrupación Provincial de Libreiros a proxectos de humanización

 

O Hospital Universitario de Ourense súmase ás celebracións do Día do Libro cunha actuación conxunta coa Agrupación Provincial de Libreiros de Ourense, que traerán este domingo unha mesa da feira do libro á entrada do hospital, no edificio Cristal de 11.00 a 14.00, e que doará as súas vendas a proxectos de humanización.

Os máis cativos comezaron hoxe mesmo coa celebración do Día do Libro, coa actuación de Cucarandainas na Escola de Pediatría, promovida pola Agrupación de Libreiros. O seu presidente, José María García Mosquera, e a vicepresidenta, Pilar Pilar Rodríguez Álvarez visitaron esta mañá o hospital para doar libros para os cativos e cativas ingresadas, e reunirse coa xefa do servizo de Humanización e Atención ao Paciente, Belén Piñeiro.

A colaboración nace con vocación de continuidade, no marco das actuacións que periodicamente se desenvolven co gallo da promoción da lectura, non só dos máis pequenos, xa que un libro é unha das “prescricións” máis saudables no entorno sanitario, e a vía máis rápida para deixar atrás os muros do hospital, as preocupacións e o tempo.

O quiosco da Fundación Once tamén secundou as iniciativas de promoción da lectura e mantén instalada unha mesa na entrada ao hospital, polo novo edificio de hospitalización, coas novidades editoriais.

 

 

Son moitas as iniciativas da Área Sanitaria para facilitar o acceso aos libros, tanto vehiculizando as doazóns cara os pacientes, como mantendo periodicamente un sistema de préstamo, co carriño dos libros, que percorren as plantas grazas ao traballo dos voluntarios de Apetéceme ser Amig@ da Área Sanitaria.

Tamén o pasado ano, coincidindo co Día das Letras Galegas adicado ao autor de Córgomo, Florencio Delgado Gurriarán, editouse unha tarxeta cunha das súas poesías e seu retrato dibuxado por unha das pacientes de pediatría, que deu os bos días a todos os pacientes dos tres hospitais, no pequeno almorzo do 17 de maio. A mesma poesía foi recitada polo persoal do Hospital Público de Valdeorras que se sumou así a celebración das letras.

 

 

Un libro “prescrición” saudable

«Pequenos pacientes, grandes lectores» é a iniciativa mais recente, no marco do convenio coa “Fundación Cultura en Vena”. Está dirixida a estimular a escritura dos pacientes ingresados, de entre 7 e 16 anos, escribindo un conto que formará parte dunha biblioteca dixital accesible para as persoas ingresadas nos hospitais participantes de todas as idades, promovendo deste xeito a lectura e a reconexión coa infancia, tan necesaria durante un ingreso.

Ademais de formar parte dunha biblioteca dixital en liña, unha selección dos contos participará nunha exposición itinerante por hospitais e comunidades rurais. O prazo de presentación de relatos estará aberto ata o 30 de xuño de 2023.

Artigos relacionados

Back to top button