EconomíaEconomíaÚltima hora

O Hostal La Viuda de Trives reabre o 25 de xullo tras un peche cautelar polo positivo detectado na comarca

Todo o seu persoal deu negativo nas probas do Covid-19 e nesta semana o establecemento continuará implementando novas medidas de hixiene e desinfección co fin de garantir a maior seguridade aos seus clientes

Exterior do Hostal Restaurante La Viuda de Trives.

 

O Hostal La Viuda, en Pobra de Trives, decidía pechar “con carácter cautelar” as súas instalacións de aloxamento e restauración o pasado día 18 de xullo, debido á alerta na comarca por un caso positivo en Covid-19. A xerencia tomaba esta decisión “por prudencia e por responsabilidade cara os seus clientes e empregados”.

Este establecemento trivés xa se someterá a unha desinfección integral nas semanas do confinamento e, desde a súa reapertura o pasado mes, viña observando estritas medidas de limitación de aforo e hixienización das instalacións, atendendo aos seus clientes só con reserva previa, tal e como indican os seus responsables.

Aínda así, a preocupación que provocou a nova dun positivo na comarca levou ao equipo de La Viuda a pechar preventivamente de novo e a someter a todo o seu equipo a un test de detección do Covid-19.

“Unha vez que no día de hoxe se coñeceu que todos os empregados deron negativo no test e que os tests que están a levar a cabo os responsables sanitarios locais son tamén negativos, o establecemento reabrirá as súas portas o vindeiro sábado 25, co que os clientes e amigos que o desexen poderán finalmente celebrar o Día de Galicia neste establecemento, con reserva previa”, segundo informa o Hostal La Viuda..

Ao longo desta semana, o equipo de La Viuda aproveitará para continuar implementando novas medidas de hixiene e desinfección, co fin de garantir a maior seguridade a quen decida visitalos nestas semanas, e permanecerá atento á evolución das novas relativas a ese positivo detectado na comarca das Terras de Trives.

A xerencia do establecemento quere amosar o seu agradecemento “a todos os clientes afectados pola súa comprensión e aproveita para insistir na responsabilidade individual de traballadores, visitantes, clientes aloxados e comensais para garantir unha estadía segura tanto no local como no conxunto da comarca”.

Artigos relacionados

Back to top button