EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

O Hotel Monumento Pazo do Castro (O Barco) celebra o seu 20 aniversario apostando pola calidade

 

“Cando en 1996 demos os primeiros pasos deste proxecto, moita xente pensou que era unha loucura, nós os primeiros”. Deste xeito iniciaba Montserrat Rodríguez, xerente do Pazo do Castro (O Barco), o seu discurso no acto do 20 aniversario este emblemático establecemento valdeorrés, que se celebraba na noite do 25 de outubro coa presenza de numerosas persoas, entre elas alcaldes e alcaldesas do oriente ourensán e da veciña comarca de Quiroga, empresarios, representantes de diversas entidades, clientes, proveedores e tamén técnicos que participaron no proxecto de recuperación e rehabilitación desta construción do século XVII, que abrías súas portas en 1999.

Comezaba a funcionar como un establecemento de Turismo Rural, dentro da categoría de Pazo hospedería, grupo A, “pero polo noso tamaño e servizos, uns anos máis tarde convertímonos en Hotel Monumento 4*. Manter un establecemento desta categoría, nunha comarca na que o turismo era algo moi residual, foi unha dura experiencia, porque vender un territorio sen desenvolver turisticamente é moi complicado, e isto foi o que nos fixo tomar a decisión de especializarnos en evento: vodas, comuñóns, bautizos, etc.”, lembraba Montserrat Rodríguez. Esta aposta polos eventos, engadía, foi “imprescindible para poder mantelo aberto. Cremos que co tempo demostrouse que foi un gran acerto, xa que, despois de moitos anos de esforzo e formación continua, convertímonos no lugar elixido por moitos noivos e noivas para celebrar un dos días máis felices das súas vidas”.

Era ademais unha celebración marcada polos agradecementos. En primeiro lugar, “a todas as persoas que traballaron ao longo destes 20 anos no Pazo do Castro, e sen dúbida, aos que están agora, que son o mellor da casa. Un equipo humano, o noso equipo, do que estamos moi orgullosos, e para o que pido un forte aplauso”, destacaba a súa xerente. Agradecementos para Luis Pérez de Juan, o arquitecto que dirixiu o proxecto de rehabilitación, e para “Ángel, o encargado da obra”. Tamén agradecementos para “todas as empresas que confían en nós, como a súa opción de aloxamento en Valdeorras para os seus clientes, ou para as súas reunións ou xantares de empresa”, e para “todos aqueles que nos visitan e que nos elixen para desfrutar no noso restaurante” e para “os nosos provedores habituais”, continuaba Montserrat Rodríguez, que incidía en que dende o primeiro momento “tivemos claro que o emblema do noso establecemento tiña que ser a calidade”.

 

 

No acto interviña asimesmo a xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo en Ourense, Sandra Quintas, quen resaltou o esforzo, ilusión e traballo da familia Rodríguez para recuperar e reabrir como establecemento de hostalaría o Pazo do Castro e o seu papel como dinamizador na zona, indicando que se trata “dun aloxamento do século XVII, pero con comodidades do século XXI”. Sinalaba ademais que “é un claro exemplo que pon a Galicia no mapa do turismo de calidade”.

E pechaba o turno de intervencións o alcalde do Barco, Alfredo García, quen lembraba que a inauguración do Pazo do Castro foi un dos primeiros actos oficiais aos que acudía como alcalde do Barco. Tivo tamén palabras para a xerente e, de forma especial, para o seu pai, “que foi o que iniciou isto, o que foi un acerto tremendo para toda Valdeorras xa que é un luxo desfrutar deste establecemento, desta calidade e desta categoría”. Ademais animaba aos responsables do Pazo a seguir “traballando e potenciando este establecemento”.

 

 

Seguidamente, ofrecíase unha cea cóctel, cunha serie de delicias (salgadas e doces) elaboradas polo equipo de cociña do Pazo do Castro, dirixido por Emilio, e polo cociñeiro Rafa Centeno (chef do Restaurante Maruja Limón de Vigo), galardoado cunha estrela Michelín e dous Soles Repsol e membro do recoñecido Grupo Nove. Ao mesmo tempo, había un cortador de xamón, Víctor Alfonso, fundador da Asociación Galega de Cortadores de Xamón.

Despois do cóctel, comezaba unha actuación en directo do grupo valdeorrés Los Correctos, que versionaba diversos temas dos 80, e contábase cun barman especializado en coctelería, Carlos Avilleira, actual campión galego de coctelería acrobática.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button