CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O IES Carlos Casares de Viana participa no programa educativo “Finanzas para mortais”

A formación será impartida por alumnado voluntario de FP que recibiu en Santiago a preparación para facelo

 

Preto de 1.400 estudantes de 3º e 4º de ESO e de 1º e 2º de Bacharelato de 42 centros de ensino de toda Galicia, entre os que está o IES Carlos Casares de Viana do Bolo, formaranse ao longo deste curso a través do programa Finanzas para mortais, froito da colaboración entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Fundación da Universidade de Cantabria para o estudo e a investigación do sector financeiro (UCEIF) e o Banco Santander.

Esta é a terceira edición deste programa no que 43 alumnos do Ciclo de Grao Superior de Administración e Finanzas serán os responsables de impartir a devandita información. Para iso, recibiron preparación por parte dos responsables do Banco de Santander nunha xornada desenvolvida o pasado venres no CIFP Compostela.

 

Fachada principal do IES Carlos Casares de Viana do Bolo. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tal como avanzan dende Educación, esta iniciativa ten por obxecto “fomentar o emprendemento e a cultura financeira no sistema educativo non universitario como motores da innovación, a competitividade e o crecemento da economía”.

As actividades nos centros educativos comprenderán sesións, obradoiros e charlas impartidas polo alumnado voluntario de FP xunto con profesionais do Banco Santander. Nelas desenvolverán conceptos como o significado do diñeiro, o consumo e aforro responsables, a renda variable, os créditos e os préstamos, o cambio de moeda e o emprego de tarxetas no estranxeiro, os impostos, a débeda pública, a xubilación, os tipos de financiamento, a cotización á Seguridade Social ou a diferenza entre persoa física e persoa xurídica, entre outros.

Artigos relacionados

Back to top button