Dende o instituto ata a praza Andrés de Prada, con paradas no Parque Botático, no Salgueiral, no Teatro Lauro Olmo, en varios puntos do Malecón (Busto de J.A. Gurriarán, Reloxo de Sol e Quiosco), na praza do Sagrado, na praza Maior, no Porto da Barca, na Casa Grande de Viloira, na praza Otero Pedrayo, no Mirador da Ponte, na praza das Airas e na Capitana.
Na mañá deste martes 16 de maio, un día antes da data sinalada, o alumnado da ESO do IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras celebraba as súas propias Letras Galegas, nunha xornada de convivencia polas rúas da vila.
Divididos en dez grupos e compañados polo profesorado, preto de 200 estudantes participaron na VIII edición do proxecto ATENCIÓN! XENTE LENDO! unha iniciativa coa que, a través de pistas distribuídas nas diferentes paradas do circuíto, animan á lectura e á investigación de persoeiros, espazos e elementoss propios do Barco. O obxectivo: xuntar catorce letras, ao resolver un problema en cada parada, para dar coa solución a unha adiviñanza.
A actividade remataba no Malecón, á beira do río, cun almorzo para todos os participantes.
Fotos: Mónica G. Bellver e Ángeles Rodríguez.
Vídeo: Mónica G. Bellver.