CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O IES Lauro Olmo do Barco forma este ano parte da Rede de Aulas de Emprendemento

Con este programa, a Xunta busca canalizar as iniciativas emprendedoras do alumnado mediante un sistema de orientación, guía e tutela de ideas

Fachada do IES Lauro Olmo./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Os centros de FP galegos van contarán este ano cun total de 100 aulas de emprendemento, 15 máis que no 2023. Con este programa, a Xunta de Galicia busca canalizar as iniciativas emprendedoras do alumnado para así mellorar as perspectivas laborais dos mesmos, fomentando o emprendemento e facilitándolles entrar en contacto con elementos e ferramentas do mundo laboral.

Cun investimento de 500.000 euros este ano, a iniciativa entronca cos obxectivos da Estratexia FP Galicia 2030 e do Plan Innova FP Galicia, as follas de ruta do Goberno galego para continuar consolidando estas ensinanzas ao longo da década.

Cada aula de emprendemento recibe unha achega da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP de 5.000 euros e entre os centros que formarán a Rede este ano está o IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras que, a través deste programa, desenvolverá actividades que fomenten e canalicen as iniciativas emprendedoras do alumnado do centro educativo, e en particular do alumnado que está próximo a finalizar os ciclos, mediante un sistema de orientación, guía e titoría das ideas emprendedoras aportadas polo propio alumnado.

Con este programa “ofrécese soporte administrativo e técnico para as primeiras fases dun proxecto emprendedor, similar ao dun marco de desenvolvemento dunha startup, xunto co asesoramento e axuda necesarios para poñer en marcha o seu proxecto empresarial. Se acada un nivel de madurez suficiente para a súa posta en marcha, faranse as xestións necesarias para a súa integración nun viveiro da Rede de viveiros de empresa do programa Eduemprende”, aseguran dende a Consellería, engadindo que se desenvolven actividades formativas focalizadas no desenvolvemento das habilidades e competencias que o alumnado debe adquirir para ter un enfoque emprendedor: “habilidades persoais, sociais, de relación, de comunicación, de definición de produto, de desenvolvemento de prototipos ou de propostas”.

Artigos relacionados

Back to top button