
Máis 400 persoas, entre alumnado, profesorado e familiares, de varios colexios e institutos de Galicia asistían na tarde do xoves 16 de maio á gala de entrega dos premios #DígochoEu celebrada na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, presentada pola xornalista Esther Estévez, a cara visible do proxecto televisivo.
E entre esas persoras estaba o alumnado de 1º Bacharelato do IES Xermán Ancochea Quevedo da Pobra de Trives, que foi distinguido na 3ª edición dos premios #DígochoEu de vídeos en galego que promove a CRTVG. “Conseguiu o ouro na categoría de centros de secundaria grazas ao vídeo presentado sobre o Fulión da Mourela pra acá e compartiu podio co IES As Bizocas de San Vicente do Grove e o IES Illa de Arousa”, apuntan dende o centro educativo.

Aproveitando a viaxe e co gallo de estaren recollendo palabras galegas en desuso dos concellos de Manzaneda, Chandrexa de Queixo, San Xoán de Río, Castro Caldelas e A Pobra de Trives, pola mañá puideron visitar o Instituto da Lingua Galega (ILG), onde se leva a cabo unha intensa actividade investigadora nos eidos da lingüística e da filoloxía galegas, e alí coñecer algunhas das ferramentas e aplicacións tecnolóxicas sobre o coñecemento xerado no marco das súas actividades de investigación, tal e como explican dende o instituto trivés.
Ademais, “coñeceron e compartiron tempo con Antón Santamarina, unha das figuras máis representativas non só do ILG, senón da Lingüística galega actual, quen participou na elaboración da primeira edición das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1982), coescribiu o Cancioneiro popular galego que elaborou con Dorothé Schubarth e dirixe o Tesouro Informatizado da Lingua Galega, entre outros proxectos”, puntualizan dende o IES Xermán Ancochea.