En portadaSanidadeÚltima hora

“O importante é que o domingo lles demostremos que pedimos unha sanidade pública e digna para o oriente ourensán”

É a mensaxe que lanzaba esta mañá a Xunta de Persoal do Hospital Público de Valdeorras nunha rolda de prensa na que valoraba a visita onte do conselleiro a este centro sanitario

 

Un día despois da viaxe do conselleiro de Sanidade ao Hospital Público de Valdeorras, a Xunta de Persoal deste centro sanitario convocaba á prensa para valorar tanto esta visita como as súas declaracións. “Parécenos unha vergoña. É un absurdo que chegue aquí dicindo que a situación do hospital está arranxada. Que traia dous traumatólogos ou tres non quere dicir que se solucione a situación. Se iso é certo, estará arranxado en todo caso, traumatoloxía; pero hai moitísimos outros servizos que están sen arranxar: medicina interna, dermatoloxía, uroloxía, cardioloxía… Na moción que se presentou nos concellos aparece esa relación de servizos e profesionais que faltan. Tampouco asumen que teñan que poñer neumoloxía, viñeron aquí a contarlle unha milonga á poboación dicindo que van traer tres traumatólogos e a dicir que van gastar 1,4 millóns de euros neste hospital, unha cifra que levan gastando dende hai 5 ou 6 anos, e que non os dan gastado”, sinalaba Suso Vilasánchez.

Ademais lembraba outra demanda na que levan insistindo dende a Xunta de Persoal: “que nos dean, dunha vez, os cadros de persoal do centro”. Vilasánchez indicaba tamén que, a parte disto, “se o conselleiro quere presumir de que gasta, que gaste o mesmo que no hospital do lado, 15 millóns, fronte aos 1,4 millóns dos que se fala dende hai cinco anos”.

Suso Vilasánchez tamén lamentaba o comentario de Julio García sobre a manifestación do domingo. “Din que estamos a desprestixiar a sanidade, nin moitísimo menos, eles si que desprestixian a sanidade facendo que sexa irresolutiva, facendo que sexa unha sanidade que non é capaz de ofertar ningunha solución aos pacientes, nin que se tampouco se adecúa ás súas necesidades. Eles si que desprestixian, eles e os consentidores que teñen que con eles”.

Pola súa banda, Víctor Pariente, indicía en que “nós seguimos mantendo a convocatoria de manifestación e pedimos exactamente o mesmo: o arranxo da sanidade no distrito, que o hospital teña a dotación que debe ter e que hoxe non ten. E desconfiamos de que os tres traumatólogos realmente veñan porque a realidade é que o que están facendo é cubrir as gardas do mes de decembro do traumatólogo que temos, que estará ese mes de vacacións. Esa é a realidade, non que teñamos un traumatólogo máis”. E engadía que o conselleiro de Sanidade “conta medias verdades” no relativo ás negociacións con Castela e León, primeiro eran “negociacións co Sacyl e agora son acordos con empresas privadas e con médicos privados”.

Pariente resaltaba tamén que “outro dato significativo é que non rebateron as cifras que demos o mércores na concentración sobre os traslados en ambulancia a Ourense. A esa media de 80 traslados mensuais neste 2021, hai que sumar todos os traslados que fan sen médico nin enfermeira e os pacientes que van polos seus propios medios, ou sexa que aínda é moito máis grave do que dixemos. Esa é a realidade”.

Neste senso, a Xunta de Persoal anima á cidadanía de Valdeorras, das Terras de Trives e de Viana do Bolo a participar na manifestación do vindeiro domingo ás 12h. asegurando que “o que importa é que os cidadáns saiamos o domingo, chova ou non, e que lle demostremos que seguimos pedindo unha sanidade digna e pública para o oriente ourensán”.

Artigos relacionados

Back to top button