Na mañá deste mércores 6 de novembro presentábase da VI Ciberliga 2024/25. Unha iniciativa, impulsada pola Garda Civil, para formar en competencias de ciberseguridade e uso responsable das novas tecnoloxías a preto de 1.400 estudantes de 4º da ESO de 51 centros educativos, entre os que están o IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras e o IES Carlos Casares de Viana do Bolo.
O certame persegue, ademais de fomentar unha contorna dixital segura e sensibilizar sobre ciberseguridade, ofrecer ao alumnado unha formación práctica e motivadora a través de actividades lúdicas. “Deste xeito, as novas xeracións adquiren habilidades clave para os retos da sociedade actual mediante unha experiencia educativa que combina aprendizaxe e diversión”, explican dende a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Dúas fases
A liga estrutúrase en dúas fases diferenciadas. A primeira, unha etapa clasificatoria que se realizará en liña entre o 25 e o 29 de novembro, permitirá a cada centro elixir a data e hora que mellor se adapten á súa organización. Neste proceso inicial, os participantes recibirán formación sobre o uso seguro das tecnoloxías, a través dunha sesión en streaming que combina explicacións teóricas e prácticas. Tras esta introdución, realizarán unha competición na que deberán resolver un ciber-reto, que inclúe unha exposición explicativa e unha práctica final para aplicar os coñecementos adquiridos.
Os equipos mellor puntuados en cada centro educativo pasarán á fase final galega, da que sairá a selección dos cinco mellores grupos que representarán a Galicia a nivel nacional. Esta última etapa está prevista de forma presencial entre o 10 e o 14 de marzo de 2025 nas instalacións da Academia de Oficiais da Garda Civil en Aranjuez (Madrid). Alí, ademais de afrontar o reto final, os participantes asistirán a actividades complementarias e realizarán novos exercicios prácticos, enfocados a seguir desenvolvendo as súas habilidades en ciberseguridade.