En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Lázaro 2018 enche Verín de actividades para todos os públicos

A Feira do Libro marcou o inicio dunha intensa fin de semana

Sobre tres feiras xirou a programación do Lázaro 2018 que durante tres días encheu Verín de actividades e xente: a do libro e artesanía na praza da Mercé; e a de agro-teconoloxía, no pavillón municipal.

O pregón a cargo de Elena Gallego e actuación da Banda de Gaitas do Concello de Verín marcaban o venres a inauguración da Feira do libro e de artesanía, na que participaron unha vintena de expositores, entre eles sete librarías, contando asemade coa presenza dunha decena de autores. Entre eles Gerardo Dasairas que presentaba o seu libro “José García Barbón Sóla, mecenas e filántropo de Verín”. Dentro do amplo abano de actividades desenvolvida ao longo da fin de semana tamén destaca a colección de 17 libros sobre o patrimonio do Alto Támega, chamada “Colección Taboada Chivite do Patrimonio. Volumen 1.“, presentada polo seu autor, Bruno Rúa.

 

O tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, inaugurando Agro+Verín.

E xa na mañá do 17 de marzo abría as portas no pavillón de Verín, a feira de mostras “Agro+Verín”. Agricultura e tecnoloxía van da man neste proxecto, un renovado modelo de feira coa que o Concello de Verín pretende resaltar o papel do rural, tanto na comarca como nos arredores. O acto inaugural foi presidido polo tenente de alcalde verinés, Diego Lourenzo, e contou coa presenza, entre outros representantes políticos como toda a corporación municipal de Verín con Gerardo Seoane á cabeza, do vicepresidente da Cámara de Chaves, Francisco António Chaves de Melo.

 

Autoridades visitando o expositor da Cámara de Chaves.

Na inauguración, Diego Lourenzo explicou que baixo a nova marca Agro+Verín, “podemos saudar hoxe aquí a todos estes expositores galegos e portugueses con referentes nas máis punteiras novidades da tecnoloxía agraria, en maquinaria, técnica ou productos cuxa demanda está sendo tendencia. Divulgar as novas tecnoloxías e os novos productos será así, baixo a nosa intención, dar expectativas de futuro ós nosos mozos e mozas para que non fuxan da súa terra, e para que teñan, como acontece noutros países, soños e plans por realizar na nosa terra.”

 

A Feria do Libro, na praza da Mercé.

Entre os presentes, de diferentes partes de España e Potugal, todo tipo de produtos: queixos, mel, doces, flores, plantas, cosméticos, material apícola, conservas, pan,… e por suposto viño, cun túnel da D.O. Monterrei. Tamén houbo espazo para actividades infantís, cata de viños, showcooking e obradoiros (de cestería tradicional, pan artesán e reciclaxe).

Ao longo da fin de semana tamén se sucederon as actividades deportivas e musicais, con pasarrúas e concertos en diferentes puntos da vila, permanecendo ademais aberta unha exposición de vehículos de ocasión na rúa Irmáns Moreno.

 

Un dos expositores de artesanía na Feira de Verín.

De forma paralela, o Museo Claustro Mercedarios ubicado na praza da Mercé, acolle a exposición “Dionisos 2000 anos de viño en Monterrei” que reúne multitude de obxectos, imaxes e información que permiten ir desgranando cada unha das etapas deste cultivo agrícola na comarca de Verín dende a romanización ata a actualidade. No percorrido pola exposición poden verse carros de transporte de viño do século XVIII, así como numerosos obxectos usados para trasladar esta bebida como pelexos, cantaras ou barricas. Non faltan todo tipo de instrumentos empregados na recollida das uvas e na elaboración do viño, como unha impresionante prensa de trabe en pedra de granito do século XVIII. Todos eles proceden de diferentes lugares da comarca verinense. Inclúese asemade un apartado centrado nos lagares rupestres desta comarca,  traballo feito por Luis e Alejandro Paadín co título “Las piedras que hacían vino”.

 

Luis Domínguez subido no burro da exposición “Dionisos 2000 anos de viño en Monterrei” xunto ao seu avó Manuel e a súa nai Pilar.

Hoxe a produción vitícola está amparada pola Denominación de Orixe Monterrei con 25 adegas e multitude de viños brancos e tintos, que tamén poden verse xunto cun mapa da zona no que se detallan singularidades como a temperatura, pluviometría, solos, relieve ou variedades de uva, incluíndo ademais un apartado interactivo no que a xente pode comprobar o aroma central de cada variedade. “Esta é a parte na que máis colaborou o Consello Regulador”, explica a presidenta, Lara Da Silva, engadindo que pretenden achegar máis os caldos verineses á poboación “que podan oler e saber identificar un viño cando o pidan nun bar”.

Entre os visitantes máis novos a esta interesante exposición está Luis Domínguez que con apenas dous meses acompañou á súa nai Pilar Fernández e ao seu avó, Manuel, afeccionado a coleccionar antigüidades e a persoa que donou boa parte do material de fogar (lareira, arca, alacenas,…) que hai na exposición.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button