A VeigaConcellosÚltima hora

O libro “Cefenemiosis en el Corzo” presentarase o vindeiro 1 de xullo na Veiga

Como preámbulo, na Praza do Concello organizaranse diversas actividades paralelas, entre elas, a instalación dun simulador virtual de tiro no que calquera interesado poderá practicar o tiro virtual

 

A Federación Galega de Caza (FGC), en colaboración con Mutuasport, ten previsto presentar na localidade valdeorresa da Veiga, a primeira edición do libro titulado “Cefenemiosis en el Corzo”. É un novo exemplar da Biblioteca Cinexética de Mutuasport, dos autores Luis Eusebio Fidalgo e Ana López, ambos doutores en veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no que colaboran tamén outros veterinarios de recoñecido prestixio.

Trátase dunha obra “de fácil lectura, ilustrada con fotografías actuais dos propios autores, moi recomendable para os amantes e estudosos deste pequeno cérvido que actualiza os coñecemento da enfermidade (cefenemiosis) e os seus efectos no corzo”, segundo a FGC.

A escolla da Veiga como lugar de presentación da obra débese a que este lugar é, xunto con Lugo, onde se concentra a maior densidade de poboación desta especie e, neste contexto, “optouse por Valdeorras porque a meirande parte dos Tecores da provincia ourensá sitúanse nesta comarca e nas da súa contorna, decidíndose finalmente levalo a cabo na localidade da Veiga o sábado día 1 de xullo, ás 17:30 horas (Sala de Conferencias O Toural – Rúa Nova 21C)”, explican os organizadores.

 

 

 

Ao acto de presentación da “Cefenemiosis en el Corzo” a organización ten previsto invitar a todas as sociedades de cazadores da provincia, así como ás diferentes autoridades e medios de comunicación. Como clausura do acto servirase unha degustación de caza ou produtos da zona.

Como preámbulo á presentación do libro, de 12:00 a 15:00 horas na Praza do Concello, realizaranse diversas actividades paralelas, entre elas, a instalación dun simulador virtual de tiro no que calquera interesado poderá practicar o tiro virtual para divertirse, aprender, ou mellorar a súa puntería, e dun stand co que a Federación Galega de Caza pretende achegar á sociedade en xeral o deporte cinexético e a caza como actividade sostible e dinamizadora do rural, ademáis de repartir entre os visitantes diversos obsequios.

Artigos relacionados

Back to top button