Na tarde do pasado 30 de decembro, dentro da programación de Nadal, o Centro Social de San Xoán de Río acollía a presentación do libro de Rubén Riós ‘Arrieiros Somos’ que tal como explica o propio autor nace a raíz do confinamento durante a pandemia.
“Eu decidín pasar ese tempo cos meus pais e, nas súas miradas e rostros de incomprensión comecei a decatarme que empezaba a ser o pai dos meus pais. O amor ás raíces dos meus proxenitores, unido á miña mente creativa, son os motores deste libro. En cada unha das súas páxinas tento trasladar todo o que sentín ao entrar nos fogares de cada un dos protagonistas, tomando como referencia os valores que as xentes do rural nos inculcaron”, di Rubén.
A presentación correu a cargo do alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, contando coa presenza do propio autor, de Juan Pérez e das Cantareiras de Trives que amenizaron o acto musicalmente.
Fotos cedidas.