CulturaCulturaÚltima hora

O ‘Marabilloso Camiño de Inverno’ poderá visitarse ata o 6 de xaneiro no Gaiás

A deseñadora galega Ana Inés Jabares-Pita transforma o Museo nun paraíso de globos de neve e luz que atesouran as paisaxes e monumentos do Camiño de Santiago

 

O Hall de Tirantes, no andar 0 do Museo Centro Gaiás, convértese neste Nadal nun paraíso de inverno, onde a maxia propia destas datas e o Camiño de Santiago van da man. Así, atoparemos globos de neve a escala humana con varios elementos representativos do Camiño de Inverno no seu interior, e poderemos xogar a descubrir as cidades, monumentos e paisaxes emblemáticas da Ruta Xacobea.

Os globos de neve, entre os que poderán pasear os visitantes como quen se somerxe nun bosque, representan un camiño invernal cunha paisaxe máxica, ambientada tamén con bólas de luz que fan deste peculiar traxecto unha experiencia aínda máis especial. A árbore de Nadal, elemento principal do espazo, contará cunha decoración na mesma liña da instalación, con bólas transparentes que agochan no seu interior diferentes lugares e imaxes do Camiño. A instalación, titulada O marabilloso Camiño de Inverno, é obra da deseñadora e artista galega Ana Inés Jabares-Pita, recoñecida escenógrafa e deseñadora para espectáculos de ópera, danza e teatro.

 

 

A instalación, que pode visitarse de balde ata o 6 de xaneiro de 2022, inaugurábase na tarde deste venres 17 de decembro co tradicional prendido das luces da árbore de Nadal, ao que asistiu o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado da directora xerente da Cidade da Cultura e a propia deseñadora que confesa que o maior reto que enfrontou para crear O marabilloso Camiño de Inverno foi o propio espazo do Museo Centro Gaiás. Non só polas diferenzas respecto dun teatro ou auditorio, senón pola propia grandiosidade da arquitectura de Eisenman, que asegura hai que entender e adaptarse a ela, porque competir con ela é imposible. Tamén o traballo de documentación previo foi moi exhaustivo, ao non dispor dun texto ou música concretas como referencia da que partir. Con todo, afirma estar moi satisfeita co resultado e agarda poder repetir máis a miúdo experiencias como a que lle ofreceu a Cidade da Cultura, de traballar fóra dos teatros.

 

 

O marabilloso Camiño de Inverno pode visitarse de 10 a 20 horas e as familias que se acheguen ao museo poderán xogar a identificar as etapas do Camiño de Inverno que gardan no seu interior os globos de neve e trazar a ruta correcta a seguir, como se fosen peregrinos dentro desta paisaxe máxica. Esta variante do Camiño Francés entra en Galicia por Ponferrada, evitando as neves do Cebreiro e continúa seguindo o curso natural do río Sil pola cormarca de Valdeorras, o sur da provincia de Lugo e o Deza ata chegar a Compostela.

 

Artigos relacionados

Back to top button