O congreso “Medio Rural, Innovación e Novas Tecnoloxías” encadrado no Proxecto de Cooperación Interterritorial GEOPUEBLOS (do que forman parte sete grupos de desenvolvemento rural do estado), botaba a andar na mañá do 9 de outubro no salón de actos do Fogar do Maior en Allariz. E facíao coa presenza do subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, quen asegurou que “o mantemento do medio rural soamente é posible si damos a coñecer e promocionamos o potencial que os nosos pobos posúen”.
A iniciativa sobre a que se debateu en Allariz, nace co “obxectivo de fomentar o coñecemento do territorio que nos sostén e a valorización dos seus recursos” explican dende a subdelegación do Goberno, no caso galego, o do territorio AVINZA GDR 15, dez concellos da provincia de Ourense (A Bola, Allariz, Baños de Molgas, Maceda, Taboadela, Paderne de Allariz, Rairiz de Veiga, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo e Vilar de Santos). Para iso desenvolveuse unha plataforma interactiva na que aparecen xeolocalizados, así como unha breve descrición do patrimonio, hostalería, hospedaxes e proxectos innovadores do entorno.
Dentro da plataforma, deseñouse asemade un xogo infantil interactivo “O código Segredo” co obxectivo de transmitir dende a infancia a riqueza natural, patrimonial e cultural do territorio AVINZA GDR 15 e dos seis grupos participantes.
Durante a súa intervención, Castro sinalou tamén que “unha das ferramentas que deben contribuír á difusión das bondades e produtos do noso campo debe ser a aplicación das novas tecnoloxías, nun mundo actual interrelacionado e globalizado”.