OurenseÚltima hora

O mellor tenis feminino chegará a Ourense do 13 ao 20 de agosto, co III torneo internacional

A competición repartirá 25.000 euros en premios

Presentación do torneo no salón de Plenos do Concello de Ourense.

 

A terceira edición do Torneo Internacional feminino Cidade de Ourense W25, desenvolverá do día 13 ao 20 de agosto no Club Santo Domingo, organizado pola Federación Galega de Tenis e co patrocinio do Concello de Ourense, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia.

Tal como explicaron na presentación realizada esta mañá no salón de plenos do Concello de Ourense, o torneo forma parte do circuíto ITF Women’s World Tennis Tour e distribúe 25.000 dólares en premios. “Nesta terceira edición volverá reunir en Ourense algunhas das xogadoras con maior proxección de todo o mundo, tenistas que xa participaron en torneos do Grand Slam e futuras estrelas deste deporte”, dixeron na presentación. De feito, dez das tenistas que pasaron por Ourense nas dúas anteriores edicións xogaron o mes pasado en Wimbledon: Jéssica Bouzas, Arantxa Rus, Jaimee Fourlis, Olivia Gadecki, Laura Pigossi, Alicia Barnett, Kristina Dmitruk, Marina Bassols, Anna Brogan e Julia Riera.

Nesta ocasión o torneo ourensán contará con xogadoras do calibre de Liv Hovde, campioa de Wimbledon Junior 2022, Georgina García, que representou a España na Billie Jean King Cup, ou as números 1 de Portugal, Bosnia, Israel e Suráfrica.

No acto de presentación participaron Gonzálo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, César Fernández Gil, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Manuel Pérez, xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense, José Mosquera, presidente da Federación Galega de Tenis, Pablo Mosquera, director do Torneo, e as tenistas Celia Cerviño Ruiz, pentacampioa galega absoluta, e a romanesa Karola Bejenaru, que participan no torneo.

Artigos relacionados

Back to top button