ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

O Museo Xeolóxico de Quiroga amplíase e adica unha sala a “Elba”, pastora de hai 9.700 anos

As súas instalacións pasan de 120 m2 a 250 m2, con 11 salas que permiten ver a evolución da especie humana e a formación deste continente

 

“Benvidos ao noso Museo Xeolóxico de Quiroga”. Con estas palabras finalizaba o alcalde quirogués, Julio Álvarez, a súa intervención durante o acto inaugural, no mediodía deste 29 de agosto, da ampliación destas instalacións culturais que pasan dos seus 120 m2 iniciais aos 250 m2 actuais e de 5 salas a un total de 11. Nelas pode verse a evolución da especie humana e a formación do continente europeo.

“Para que entendamos a xesta do Museo Xeolóxico de Quiroga vouna comparar cun ser humano que nace, se forma e alcanza unha posición na vida; e aquí abro unha paréntese, unha reflexión, para dicir que é o máis importante … “a concepción do ser vivo”, a formación ou a situación que atopan na vida. Eu creo que o máis importante “é nacer” porque despois te formas e dependendo desa formación desempeñas un rol social. No noso caso sería este Museo, que se asemellaría á evolución dunha persoa”, destaca o rexedor de Quiroga.

 

 

Ademais no seu discurso manifestaba un agradecemento especial “ás persoas que fixeron nacer esta idea, como unha mesa, que sustenta todo bagaxe cultural e científico en catro patas. A primeira delas a de Manuel Fraga, por aquel entón presidente da Xunta de Galicia, que no ano 2004 me envía unha carta persoal acompañada dunha noticia publicada nun xornal, para que me interese polo Pregamento de Campodola, e así construímos o primeiro mirador, xénese de toda vocación xeolóxica da actual sociedade civil e administrativa de Quiroga”.

En segundo lugar Julio Álvarez referíase a Vidal Romaní, “que apoiou a teoría e a construción do Museo coa súa axuda material e científica. A terceira pata é Ramón Vila, que foi como o xinecólogo dese recén nacido nun parto difícil que logra que sobreviva. E a cuarta, a un servidor, o que lles fala, que desde o primeiro momento apoiou e buscou recursos (apoiado polo meu defunto irmán, Antonio Álvarez), para levalo a cabo”.

 

O alcalde de Quiroga, durante a súa intervención.

 

Ademais, o alcalde adiantaba que unha das salas do museo vai levar o nome de Juan Ramón Vidal Romaní: “a de Elba”, a pastora das montañas galegas, realizada a partir de restos óseos que teñen unha antigüidade de nove mil setecentos anos, atopados por Vidal Romaní e a súa compañeira, Aurora Grandal”.

Finalmente, Julio Álvarez destacaba a riqueza cultural e xeolóxica da comarca e ao traballo realizado e previsto para a súa posta en valor. “O pregamento de Campodola, un dos 7 monumentos naturais de Galicia, declarado no ano 2012, e o Museo Xeolóxico, inaugurado en decembro do 2011, xunto coa posta en funcionamento de 2 roteiros neste mesmo ano (nestes momentos están homologados 8) conforman unha etapa e un futuro para a Xeoloxía, cun gran impacto para a nosa comarca e Galicia, co recoñecemento que tivo por parte da UNESCO cando o declarou Xeoparque Mundial no ano 2018. Con estes tres elementos preséntasenos un futuro esperanzador, sobre todo agora, para as novas xeracións se son capaces de xestionalo, o importante é que naceu, formouse e está aí, agora fai falta conservalo e revitalizalo”.

 

O xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, descubrindo a placa da sala que leva o seu nome.

 

Vidal Romaní: “Isto non é un museo, é unha portada de entrada ao Courel antigo”

Neste acto, presentado polo director do museo xeolóxico, Ramón Vila Anca, tomaba tamén a palabra o xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, que estaba acompañado por membros do seu equipo como a paleontóloga Aurora Grandal, o médico forense Fernando Serrulla e os investigadores Marcos Vaqueiro e Reinaldo Costas, aos que se refería na súa intervención: “se non fora por todos eles non teríamos rematado este inmenso traballo”. Destacaba de xeito especial a reprodución de Elba, “unha antiga cidadá dos Ancares”, que se incorpora ao museo. “Fíxose unha reconstrución xenética, tamén de como era o seu esqueleto”. E resaltaba a cor preta da súa pel, “é a cor que tiñan os poboadores de Galicia hai 10.000 anos, nese aspecto cunhas características un pouco diferentes ás actuais”.

 

 

Resaltaba así mesmo o valor do proxecto museístico de Quiroga. “Isto non é un museo, museos hai moitos, isto é a porta de entrada ao Courel antigo”. Lembraba ademais a importancia e singularidade desta zona, “aquí temos a sorte de ter a primeira rocha que saíu do mar hai máis de 350 millóns de anos. É a porta ao pasado máis lonxano de Galicia”.

 

O conselleiro de Cultura en funcións, na inauguración.

 

Román Rodríguez: “Este museo é unha dobre porta: ao Xeoparque e á Ribeira Sacra”

A quenda de intervencións pechábaa o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, quen se congratulaba de poder inaugurar “neste tempos tan difíciles e inéditos” un museo. “É o mellor que nos pode pasar porque moi poucas cousas unen, como esta, a visión cultural co turismo, facendo turismo consúmese cultura e ao revés”. E recoñecía ademais o esforzo do rexedor de Quiroga no desenvolvemento deste museo. “O alcalde empuxou moito neste proxecto, quérelle moito a este museo

Para Román Rodríguez este museo supón unha “dobre porta”: unha porta ao Xeoparque Mundial das Montañas do Courel, “que non é algo menor”; e unha porta á Ribeira Sacra, “vindo por Valdeorras e remontando o río Lor ata meterse de cheo no conxunto da Ribeira Sacra, que en moi pouco tempo vai ser declarada Patrimonio da Humanidade”. E, proseguía, “se a isto lle sumamos o Camiño de Inverno, esta franxa central de Galicia, entre as provincias de Lugo e Ourense, vai ter, sen dúbida, unha gran oportunidade e nela o turismo vai ter un impulso importantísimo”.

Despois dos discursos, os asistentes, entre os que había numerosas autoridades, así como profesionais ligados ao mundo da xeoloxía e veciños da zona; percorrían as novas instalacións este museo que inicia, deste xeito, unha nova etapa.

Texto: A.R.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

A paleontóloga Aurora Grandal, do equipo de Vidal Romaní, na sala de “Elba”.

Artigos relacionados

Back to top button