Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

O nacionalista Iago Tabarés pide en Viana mellores conexións con A Rúa e con A Gudiña

O cabeza de lista do BNG ao Congreso por Ourense visitaba esta localidade neste sábado 13 de abril, acompañado polo candidato deste partido á alcaldía, Secundino Fernández

O candidato do BNG ao Congreso por Ourense, Iago Tabarés, achegábase na mañá do 11 de abril ata Viana do Bolo, acompañado por persoas da candidatura municipal do concello, entre elas o cabeza de lista e actual alcalde, Secundino Fernández, e pola deputada galega Noa Presas. Nesta visita Tabarés falaba sobre a situación das infraestruturas de carácter estatal e esixía a vertebración do territorio para conectar A Rúa, Viana do Bolo e A Gudiña.

O problema de comunicación en Viana do Bolo “é debido, en primeira instancia, á inutilidade da Xunta de Galiza e ao seu Plan de Transporte”, aseguraba Tabarés. E, en segundo lugar, “debido ao abandono do Estado Español tras anos de atrasos na alta velocidade e deixando morrer o tren ordinario”.

O candidato nacionalista considera que “a chegada do AVE ten que ser unha oportunidade para que se compense á poboación cun servizo de tren de proximidade e con horarios útiles”. E adiantaba propostas que levará o BNG se consegue representación en Madrid. “Esiximos que haxa paradas mínimas en A Gudiña porque, si que está licitada a parada máis sabemos que non queren que acontezan, e necesítase unha conexión do tren de proximidade a Ourense”. A día de hoxe, “case só podes ir en coche particular porque non hai tren e os horarios de autobuses non serven”.

Ademais, “deberá haber unha liña de autobús que conecte estas poboacións coa Gudiña e os horarios dos trens” sentenza o candidato ao Congreso. A candidatura nacionalista di que Renfe debe cofinanciar esta medida, posto que é ela a beneficiaria destas liñas de autobus.

Pola súa banda, o alcalde vianés e candidato á reelección polo BNG, Secundino Fernández, indicaba que “Viana do Bolo nestes últimos catro anos, da man do BNG, ten mellorado a calidade de vida dos veciños e veciñas do concello”. Pero cre que as infraestruturas que conectan o concello con outras localidades “son deplorables”. Así mesmo resaltou a necesidade de “ter voz propia no Congreso dos Deputados en Madrid, da man de Iago Tabarés, para que estes problemas, que son competencia do estado, teñan solución”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button