
O Concello do Bolo continúa coa recuperación de tradicións, tamén no Nadal. Nesta ocasión unha representación teatral que se facía ata mediados dos anos 80, no adro do Santuario das Ermidas sobre a historia dos Reis Magos. A obra será posta en escena pola compañía ourensá Platea Lúa que xa fixo outra representación no mes de outubro co gallo dos 400 anos de existencia do santuario. O día 6 de xaneiro ás 12 horas será o momento de revivir esta tradición antes da misa do día de Reis no Santuario das Ermidas. A programación de Nadal no Bolo este ano incluirá ademais visitas do Papá Noel e os Reis Magos a diferentes puntos do municipio.
O día 20 de decembro ás 12 horas será o momento do Papá Noel para facer recorrido no colexio e na residencia da terceira idade. Os días 5 e 6 os Reis Magos visitarán todos as localidades que conforman este municipio. Ademais os Reis Magos serán protagonistas da obra de teatro que se escenificará diante do Santuario das Ermidas.
Esta obra conta a chegada dos Reis de Oriente a Xerusalén e o seu encontro co Rei Herodes, así como a adoración no portal de Belén do neno Xesús. A recuperación do texto foi posible gracias aos veciños das Ermidas que aportaron os seus recordos de cando o facían eles mesmos. O veciño, Antonio Rey García, foi o encargado de recollelo e cedelo ao Concello para que se fixera a representación.
Esta representación que se deixou de facer a mediados dos anos 80, contaba coa participación de moitos veciños tanto como actores como para montar todo o escenario e os disfraces. Lembra Antonio Rey que se facía o día 5 de xaneiro pola noite e o día 6 antes da misa. Os reis baixaban a cabalo ou en mulas polo pobo e chegaban ata a entrada do adro da igrexa do santuario. Alí estaba o Castelo do Rei Herodes e o Portal de Belén. Os traxes eran “colchas e sabanas e facíamos as coroas con cartóns” lembra Antonio Rey.

Entre os actores que recorda este veciño estaban el mesmo como Samuel, o axudante do Rei Herodes, a quen interpretaba o seu pai, Antonio Rey Gómez. Tamén fixo de Herodes, José Vega, quen tamén fixo de Rei Mago algún ano. Os Reis de Oriente foron interpretados por veciños como Jacinto Álvarez, Jesús Fernández, Eladio Primo e como paxe estaba entre outros, José Isla Rey. Tamén había o papel dos anxos interpretados por Cleofé Pérez, Anita Rey García ou Ermitas Isla Rey, esta última aínda vive hoxe no pobo. Antonio Rey xa pide desculpas por adiantado por si se olvidou dalguén xa que como el di “xa pasaron moitos anos”.
Toda a representación facíase no tempo que lembra Antonio Rey, cando era neno, co permiso do administrador do santuario, Felipe Álvarez. Despois da representación había a misa e posteriormente sacábase en procesión ao neno Xesús para que os asistentes lle bicaran os pés. Tradición que se continúa facendo no interior da igrexa cada ano.
A recuperación da obra de teatro no día de Reis xa é a cuarta tradición desta localidade que o Concello do Bolo puxo en marcha neste 2024. Tamén se retomou a Estoupa do Xudas no Domingo de Pascua, a peregrinación dende San Miguel de Bidueira (Manzaneda) en agosto e a Romaría do Rosario o primeiro domingo de outubro, na que houbo tamén obra de teatro.



