OurenseÚltima hora

O novo Centro de Innovación da FP “Eduardo Barreiros” estará a pleno rendemento a comezos do 2023

O presidente da Xunta Alfonso Rueda visitou esta mañá as instalacións en Ourense, acompañado polo presidente da Deputación de Ourense Manuel Baltar, o conselleiro Román Rodríguez, representantes de empresas e centros das catro provincias galegas

 

A estrea do novo Centro Galego de Innovación da Formación Profesional, en Ourense, “supón un salto adiante para este tipo de ensinanzas en Galicia, que neste curso acadan un novo récord de alumnos matriculados”. Así o indicaba o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na visita realizada na mañá deste mércoes 21 de setembro as instalacións, en Ourense, acompañado entre outros polo presidente da Deputación Maniel Baltar; o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades Román Rodríguez; e o delegado da Xunta en Ourense Gabriel Alén.

O titular do Goberno galego incidiu en que, na actualidade, a Formación Profesional e a realidade laboral van en paralelo e que esta fórmula de ensinanza ten experimentado unha revolución silenciosa, aínda que os datos sexan ben elocuentes, como proban as elevadas taxas de inserción laboral, que se sitúa no 85% e aumenta case ata o 100% na FP Dual; o incremento da oferta en máis de 1.700 prazas; as 800 empresas que colaboran coa FP Dual; ou o crecente número de estudantes.

A falta de pechar os datos definitivos, xa hai 59.700 matriculados para este curso 2022/2023, unha cifra que supera en máis de 900 alumnos e alumnas o rexistro do ano pasado e que pasará dos 60.000 cando se peche a matriculación. “É unha opción educativa potentísima pola que moitos xa optan en primeiro lugar”, afirmou.

Sobre as novas instalacións, Alfonso Rueda destacou que se trata dun proxecto de país cuxa influencia situará a Ourense como polo de innovación en Formación Profesional a nivel nacional, logo de investir 10 millóns de euros entre a Xunta e a Deputación de Ourense. “Son uns cartos perfectamente investidos”, sentenciou, e abundou en que “era imprescindible facer un centro que se dedicase exclusivamente á FP e xa está dando os seus froitos”.

 

Mnauel Baltar durante a súa intervención.

 

O presidente da Deputación pola súa banda, valorou este novo espazo dentro do polo de innovación de Ourense, con ferramentas como o “Parque Tecnolóxico de Galicia ou o Edificio Provincia Intelixente, situado a poucos metros de aquí e que xunto a Abanca puxemos a disposición das empresas con máis alto valor tecnolóxico da comunidade. Hoxe estamos vendo esta realidade”.

Manuel Baltar, Alfonso Rueda e Román Rodríguez percorreron as dependencias do centro acompañados por representantes de empresas e profesores e alumnos de centros da Formación Profesional das catro provincias galegas. Tamén participaron neste encontro, entre outros, o tenente alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez; ou a presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), Marisol Nóvoa.

Representantes do profesorado explicaron os detalles do novo centro, xa completado e equipado e que comezará gradualmente a súa actividade ata estar a pleno rendemento a comezos do 2023. O Centro Galego de Innovación da Formación Profesional vai focalizar a súa actividade en seis áreas específicas, dotadas do seu respectivo equipamento de primeiro nivel: industria 5.0, para profundar en robótica ou ciberseguridade; fabricación aditiva, como a impresión 3D; enerxía e sustentabilidade ambiental para traballar en hidróxeno verde, eólica ou biomasa; gastronomía multisensorial, tanto en degustación como en preparacións culinarias innovadoras; biotecnoloxía aplicada, na sanidade, no campo ou no medio ambiente; e experiencias de inmersión para mellorar a contorna de aprendizaxe con espazos interactivos.

Artigos relacionados

Back to top button