CulturaCulturaÚltima hora

O obradoiro de crecemento persoal de InCrescendo Colectivo chega ao Barco de Valdeorras

“2020 á medida” celebrarase en Por las ramas Estudio o 29 de xaneiro e o 5 de febreiro ás 20 horas

 

Despois de celebrarse con éxito en concellos como Larouco, Petín, Quiroga e A Rúa, “2020 á medida” chega ao Barco de Valdeorras.

Trátase dun obradoiro de crecemento persoal, impartido por Laura Fernández de InCrescendo Colectivo, dirixido a “calquera persoa desexosa de sacarlle o máximo partido ao ano que vimos de estrear, grazas a unha serie de técnicas sinxelas de motivación e xestión de obxectivos”, explica Laura, engadindo que parte do éxito da convocatoria “radica na curiosidade e nas ganas de seguir medrando a calquera idade, así coma no formato de grupo reducido que facilita a introspección nun ambiente de plena confianza”.  De feito, os participantes destacan “a importancia de asistir a este tipo de obradoiros para coñecerse mellor ou crer no noso potencial para facer realidade os nosos soños, así coma a necesidade de ollar ao noso mundo interior e identificar as nosas emocións nun espazo diferente, lonxe do estrés cotián”.

 

Por las Ramas Estudio. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

A actividade, dividida en dúas sesións de unha hora e media e cun aforo máximo de 10 persoas, celebrarase os días 29 de xaneiro e 5 de febreiro en Por las ramas Estudio (Academia Dequidt, 4, O Barco). Este espazo multidisciplinar recentemente aberto ao público “promove precisamente a creatividade coma ingrediente indispensable para enriquecer a nosa vida”, explica Laura, puntualizando que neste caso, “o obradoiro está concebido case coma unha experiencia sensorial onde se convidará aos/ás participantes a moldear o seu pasado, presente e futuro coas súas propias mans”.

Con esta maridaxe, InCrescendo Colectivo e Por las ramas Estudio brindan a Valdeorras unha oferta de lecer “pioneira na comarca, cada vez máis presente en entornos urbanos con contrastados beneficios para o noso benestar e que, proximamente, incluirá tamén obradoiros de educación emocional para o público infantil”.

As persoas interesadas poden reservar a súa praza (2 sesións) a través de laura@increscendo.gal e tamén en Por las Ramas Estudio. O prezo da actividade é de15 euros.

“2020 á medida” vense celebrando desde decembro de 2019 e ademais do Barco, está previsto que se celebre tamén na Veiga no vindeiro mes de febreiro.

Artigos relacionados

Back to top button