OurenseÚltima hora

O OUFF presenta a Ourense Film Commission en compañía das de España, Galicia e Minho (Portugal)

 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, presentou esta mañá no Teatro Principal a Ourense Film Commission no marco do Festival Internacional de Cine de Ourense. “Unha ferramenta nacida despois de anos de traballo coa que seguiremos tecendo todas as nosas potencialidades, favorecendo e impulsando ao sector audiovisual como axente dinamizador desta provincia”, recalcou Manuel Baltar.

O presidente da Deputación e presidente da Ourense Film Commission estivo acompañado polo presidente da Spain Film Commission, Carlos Rosado; o presidente da Minho Film Commission, Rui Ramos; e a coordinadora de política audiovisual da Xunta en representación da Galicia Film Commission, Dolores Meijomín. O acto foi presentado polo cineasta e xornalista Simone Saibene.

Na súa intervención, Manuel Baltar enmarcou este novo órgano dentro da estratexia de impulso ao audiovisual, acelerada precisamente a partir do rescate do OUFF no 2018. “A estratexia tivémola clara desde o inicio, aglutinar os impulsos ao audiovisual creando un estudado paquete de estímulos ás rodaxes e coordinar esforzos para converter a Ourense nun gran estudio de películas e series. Catro anos despois, con dúas decenas de proxectos completados, podemos dicir que acertamos e vamos polo mellor dos camiños”.

Repasando os principais fitos acadados neste eido nos últimos dous anos, coa rodaxe simultánea en Ourense de ata cinco proxectos patrocinados pola Deputación ou poder gozar coa edición máis ourensá do Festival de Cine, Manuel Baltar sinalou que “hoxe presentamos a Ourense Film Commission cos deberes ben feitos. Debemos recoñecer o esforzo colectivo dunha provincia que suma a complicidade das administracións públicas, os espazos, a Alta Velocidade e, o máis importante, o talento do audiovisual galego, que brilla neste OUFF mostrando ata corenta proxectos durante estes nove días de cinema”.

“A aposta da Deputación de Ourense polo audiovisual -reivindicou Manuel Baltar- é completa e transversal, executada dende todas as áreas de goberno e cunha deputada, Patricia Torres, coas competencias delegadas nesta materia. Non é palabrería. É a honesta vontade de apoiar ás industrias creativas, situándoas como un axente dinamizador do noso territorio”.

Impulso á riqueza cultural de Galicia e un motor de emprego

Para Carlos Rosado, presidente da Spain Film Commission, a recente incorporación da Ourense Film Commission supón un gran éxito porque “en Galicia hai unha enorme riqueza cultural que achega a súa identidade aos proxectos rodados na comunidade autónoma”.

Un aspecto resaltados por todos os participantes é a xeración de emprego ao redor da industria audiovisual, que trae riqueza económica aos territorios nos que se desenvolven as rodaxes. O presidente da Minho Film Commission, Rui Ramos, explicou o salto cualitativo que supuxo para a industria audiovisual portuguesa a creación da organización, porque os achegou á industria do resto do mundo poñéndoos en contacto coas cinematografías doutros países e axudándoos á internacionalización do seu territorio a través do audiovisual.

Pola súa banda, Dolores Meijomín destacou a “gran cantidade de talento que hai agora mesmo en Galicia e a gran cantidade de proxectos audiovisuais que se están desenvolvendo na nosa comunidade”. As grandes plataformas están a vir rodar a Galicia pero da man de produtoras independentes que son as grandes captadoras de historias e de talento. Resaltou tamén a importancia de traer rodaxes de todo o mundo pero sen perder de vista o apoio ao audiovisual galego, que se atopa nun momento de apoxeo.

Avance de tres películas rodadas en Ourense

Durante o acto desta mañá no Teatro Principal, que tamén serviu para presentar a web da Ourense Film Commission, puidéronse ver as primeiras imaxes de tres proxectos rodados en Ourense grazas ao apoio da Deputación de Ourense. Enrique Otero presentou un avance da súa nova película, “Honeymoon”, e comentou a importancia do apoio institucional para o desenvolvemento do seu proxecto. Pola súa banda, Irene Mejías, de Bambu Producciones, presentou o trailer do seu último proxecto cinematográfico, “13 exorcismos”, e destacou o papel fundamental que ten Galicia na historia da película polos escenarios naturais que ofrece á produción. O último en intervir foi Javier Veiga, que presentou os primeiros minutos da súa primeira película como director, “Amigos hasta la muerte”, comentando que se sentiu “como na casa rodando polas rúas da cidade e que a axuda da Deputación supuxo o arranque do seu proxecto con respecto ao financiamento”.

Artigos relacionados

Back to top button